Así será o Gran Montecelo, un hospital que segundo Núñez Feijóo "non ten volta atrás"
Un hospital innovador, humanizado, ambientalmente sustentable e que atenderá a área sanitaria de Pontevedra durante o próximos cincuenta anos. Así resume a Xunta de Galicia o proxecto do Gran Montecelo, o hospital único que se construirá en Pontevedra a partir da ampliación do complexo hospitalario actual.
O goberno galego, co seu presidente Alberto Núñez Feijóo á fronte, presentou este martes o plan funcional e de espazos do novo hospital. Fíxoo pola mañá ante os profesionais da sanidade pontevedresa e pola tarde ante os alcaldes da área sanitaria e representantes de colectivos sociais de Pontevedra e a súa comarca.
O Gran Montecelo, polo que apostou a Xunta tras abandonar o proxecto de Monte Carrasco, "non ten volta atrás", sinalou Núñez Feijóo durante a súa intervención. Será o hospital "que merece" a área sanitaria de Pontevedra e que estará pensado e deseñado, dixo, "para entrar na última fase do século XXI".
Este proxecto, do que destacou o seu "enorme calado" económico, social e arquitectónico, será o centro de referencia para 308.000 habitantes de vinte concellos -máis os seis do Salnés que tamén son atendidos no seu propio hospital-.
Investiranse nel 140 millóns de euros, 115 millóns para a construción dun novo edificio e outros 25 para reformar os inmobles actuais. A iso haberá que sumar o equipamento de "última tecnoloxía" que terá o Gran Montecelo e que, como sinalou Feijóo, "como todo o mundo sabe non é barato".
Sanidade espera que as obras da primeira fase do Gran Montecelo, que se centrarán na construción do novo edificio, comecen en 2019 e finalicen en 2021. A partir desa data preténdese executar a segunda fase, que supoñerá reformar o hospital actual e centralizar nel a atención sanitaria que se presta no Provincial e na Casa do Mar de Mollabao.
A pesar destes prazos, o presidente da Xunta pediu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, "facer todo o que sexa" por parte do seu departamento para que o hospital estea listo "no menor tempo posible" como acurtar os tempos de tramitación, sen esperar a completar un paso administrativo para comezar o seguinte.
Núñez Feijóo sinalou que o "contrato" que a Xunta presentou hoxe ante a sociedade pontevedresa "témolo que cumprir" e para iso, engadiu, "temos diñeiro para facelo" e a colaboración do Concello de Pontevedra para executar o abastecemento, o saneamento e a construción dos novos accesos ao hospital.
Con este novo hospital, subliñou o presidente da Xunta, dáse un paso máis na renovación do mapa sanitario de Galicia. O 70% da poboación galega, afirmou, vive nunha área que, desde 2009, conta cun hospital novo ou reformado e con novos centros de saúde, logrando así unha sanidade pública "máis próxima, máis humanizada e máis resolutiva".
Xunto a Feijóo e o conselleiro de Sanidade, ao acto tamén acudiron autoridades como os conselleiros de Presidencia e Facenda, Alfonso Rueda e Valeriano Martínez; os alcaldes de Pontevedra, Bueu, Marín, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade ou Moraña, entre outros; ou a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz.
DETALLES DO PLAN FUNCIONAL
Vázquez Almuíña foi o encargado de expoñer os detalles do plan funcional do Gran Montecelo e celebrou este "día importante" para a sanidade pontevedresa, que terá un hospital que atenderá "desde pediatría a pacientes crónicos", con tecnoloxía de última xeración, cunha estrutura "pensada para as persoas" e que, arquitectónicamente, "será unha icona" de Pontevedra.
Trátase, engadiu, dun proxecto "de todos" xa que "por primeira vez" presentaron as súas achegas máis de 300 profesionais, unha decena de colectivos sociais e 2.379 cidadáns a título particular, estes a través das enquisas que estaban dispoñibles no propio hospital. Ademais, sinalou que o Gran Montecelo estará deseñado para albergar "melloras continuas e modificacións asistenciais".
O Gran Montecelo contará con 118.500 metros cadrados fronte aos 79.500 do hospital actual. Construirase un novo edificio a tres alturas na parte este do complexo e que estará conectado co resto do hospital.
Acollerá un renovado servizo de urxencias, a unidade de coidados intensivos ou a hospitalización con ingreso. Alí tamén se situarán as especialidades de maior complexidade e as novas unidades que se incorporarán ao catálogo da atención sanitaria en Pontevedra.
No edificio actual, que manterá o seu uso durante as obras, centralizarase toda a atención ambulatoria. Adecuarase para os servizos de cirurxía maior ambulatoria, a cirurxía de curta estancia, un hospital de día e as consultas externas, entre outros.
O Hospital Provincial, pola súa banda, será redefinido como centro para enfermos crónicos e, segundo os plans previstos pola Xunta, acollerá unha residencia para a terceira idade. Manteranse os centros de saúde Virxe Peregrina, A Parda e Lérez e a Casa do Mar tamén terá uso sanitario, aínda que por agora non está determinado.
A Xunta reservará tamén espazo en todo este ámbito para posibles ampliacións posteriores ou novas dotacións. O novo Montecelo contará ademais cun aparcadoiro ao aire libre cunhas 500 prazas e cun parking soterrado que, en principio, será de uso exclusivo para persoal e servizos sanitarios.
Sanidade sinalou que o Gran Montecelo contará cunha carteira de servizos moito máis ampla que a actual, incorporando novas especialidades das que carecía a área sanitaria e renovando todo o seu equipamento con tecnoloxía de última xeración.
Así, o novo hospital de Pontevedra terá por fin unha UCI pediátrica e neonatal, así como unha unidade de oncoloxía radioterápica e unha unidade de diagnóstico por medicina nuclear. Tamén se humanizará toda a área de parto e crearanse áreas de especialidade máis amplas, de forma que haxa unha maior colaboración entre profesionais.
Por primeira vez haberá unha área única de urxencias, duns 2.500 metros cadrados, que contarán cun portelo de admisión único e estancias diferenciadas para adultos, nenos e pacientes con problemas xinecolóxicos. Ademais, ampliaranse de 61 a 117 os postos de urxencias e haberá novos espazos para a espera de familiares.
O plan funcional recolle tamén tres novos quirófanos -ata un total de 20-, 280 consultas, gabinetes e salas técnicas (53 máis que na actualidade) e unha maior capacidade do hospital de día, que pasará a contar con 162 prazas fronte ás 109 de agora. Neste centro, ademais, haberá unha maior privacidade para os pacientes, máis confort e novas prestacións.
O Gran Montecelo terá máis camas que o complexo actual. A súa capacidade crecerá ata as 720 camas, fronte ás 600 de agora. Vázquez Almuíña destacou que, de todas elas, un 57% serán individuais e máis amplas. Así, as que alberguen a un único paciente terán 20 metros cadrados e as dobres, 28 metros cadrados.
Tamén se mellorarán as áreas de estar para pacientes e familiares e apostarase por unha maior humanización das estancias pediátricas -que terán mesmo un cinema- e das áreas reservadas para os pacientes crónicos.
O novo hospital apostará ademais pola creación de novos espazos para xestionar a atención hospitalaria a domicilio con teleasistencia, un ámbito que se quere potenciar na área sanitaria de Pontevedra e que permite que o paciente reciba a médicos e persoal de enfermería na súa casa e que os familiares colaboren nos seus coidados.
Relacionadas:
-
O Gran Montecelo terá un novo edificio en zigzag e 1.400 prazas de aparcamento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
SOS Sanidade Pública pide transparencia nas listaxes de espera dos hospitais
Por Anxo Lourido |
-
Millóns autonómicos para grandes proxectos en marcha
Por Diego Espiño |
-
"Non coñezo unha lexislatura como esta para Pontevedra. Será histórica"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O conselleiro de Sanidade defende o "bo ritmo" do proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
A Xunta anuncia a licitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Gran Montecelo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Sanidade realizou 95 reunións con grupos de traballo para elaborar o proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
2.400 enquisas para mellorar o deseño do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
VIDEO.- José Ramón Gómez, o home dialogante escollido para crear o Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os traballos de construción do Gran Montecelo comezarán no ano 2019
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Feijóo garante que o Gran Montecelo estará "terminado ou case terminado" en 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo asegura que o Gran Montecelo "é o que a sanidade demandaba e os veciños merecían"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |