O concello de Cambados ensina a envellecer feliz
Por Redacción
O departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Cambados ven de elaborar un programa de actividades, baixo o título Aprende a envellecer feliz, destinado a fomentar o exercicio físico e a actividade recreativa entre a veciñanza da terceira idade, que adoita responder con moito agrado a este tipo de plantexamentos.
No apartado físico do programa inclúese a realización de exercicios aeróbicos de baixo impacto, acompañados con música seleccionada, co obxectivo de aumentar e mellorar a capacidade cardiopulmonar dos participantes.
Asemade, levaránse a cabo exercicios de relaxación para eliminar tensións musculares; paseos por lugares seguros na propia vila ou zonas periféricas do municipio; e talleres co obxectivo de concienciar ás persoas maiores da importancia de practicar exercicio físico.
No apartado recreativo, os participantes intervirán en diversos xogos que lles proporcionen un bo estado de ánimo no grupo; festivais para elevar a autovalía e autoestima, mediante xogos e bailes tradicionais de xeito competitivo; presenciar películas de cine da súa época, e celebrar cumpleanos colectivos coas persoas do grupo que coinciden no mesmo mes.
Servizos Sociais considera que as actividades físicas e recreativas son fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas xa que, ademáis de facer unha utilización axeitada do tempo libre, fortalecen a saúde e facilitan o disfrute.
Vaise procurar que a terceira idade cambadesa participe nos eventos que se organicen, considerando os seus gustos e preferencias.
A Xunta de Goberno Local acordou solicitar a inclusión deste programa "Aprende a envellecer feliz", que conta cun presuposto de 18.477 euros, no Programa de Acción Municipal 2013 subvencionado pola Deputación provincial.