Comarcalizar os bombeiros de Pontevedra, solución "idónea" para Ponte Caldelas en materia de emerxencias
Por Redacción
Aproveitando a polémica que está a xerar o operativo de emerxencia despregado para atender o incendio dunha carpintería e unha vivenda anexa en Tenorio, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, volveu a denunciar a "perigosísima zona de sombra" que existe no interior da provincia, "especialmente preocupante" para Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama.
Díaz entende que a "deficiente cobertura" das emerxencias en toda a bisbarra da conca dos ríos Verdugo e Oitavén "roza a neglixencia".
O equipo municipal, formado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, rexeita calquera intento de desviar a atención "buscando responsabilidades persoais en simples operarios ou mandos intermedios", porque entenden que é un "groseiro fallo" no mapa de emerxencias galego, ao vincular aos concellos a bases operativas "tan afastadas que resultan inoperativas".
"A ninguén lle entra na cabeza que nos asignen aos bombeiros do parque comarcal de Bueu, situado a máis de 60 quilómetros e con tempos de reposta próximos ás dúas horas, cando temos os Bombeiros de Pontevedra, cunha mellor dotación material e persoal, a só 20 minutos", denuncia o alcalde.
O rexedor engade que a xente "non entende de competencias" e se os bombeiros de Pontevedra son municipais, "a obriga da Xunta de Galicia é propiciar un acordo para ampliar o servizo a toda a súa contorna".
Díaz subliña que o asunto só sae á palestra cando hai unha gran emerxencia, pero os veciños de Ponte Caldelas "xa saben que se precisan da atención dos bombeiros ou dunha ambulancia toca esperar".
O alcalde suxírelle ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, "que se poña á fronte da solución dun asunto vital antes de que teñamos que lamentar desgrazas persoais".
O Concello caldelán suxírelle á Xunta que sente cos concellos implicados e a Deputación para abordar definitivamente este asunto, partindo da base de que a solución "idónea" pasa por incorporar ao mapa galego ao parque de bombeiros de Pontevedra. Ademais, engade, sería bastante máis barato que a construción dun novo parque comarcal.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas agárrase a un camión motobomba como única solución para a loita contra os incendios
Por Redacción |
-
A Xunta propón un acordo para cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide iniciar o proceso para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade solidarízase coa familia que perdeu a súa casa e a súa carpintería nun incendio
Por Redacción |
-
Cubela critica duramente o operativo do incendio de Tenorio e pide que o parque de Pontevedra sexa comarcal
Por Natalia Puga |
-
O incendio de Tenorio volve poñer en cuestión o mapa de emerxencias na comarca de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Ninguén solicitou "medios suplementarios nin xente" a Pontevedra para atender o incendio de Tenorio
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Un incendio calcina unha nave industrial e afecta a unha vivenda en Calvelo
Por Diego Espiño & Diego Torrado |