Pontevedra destinará 231.000 euros en facer accesible o Pavillón Municipal
Por Alejandro Espiño
Conseguir que todas as persoas con mobilidade reducida poidan acceder "nas mesmas condicións" que o resto aos espectáculos deportivos que se celebran no Pavillón Municipal. É o obxectivo que se marca o Concello de Pontevedra coa actuación que presentaron este luns para mellorar a accesibilidade destas instalacións.
O edil Demetrio Gómez informou que o proxecto está valorado en 231.000 euros e terá un prazo de execución de seis meses. En todo caso, as obras non interferirán na actividade deportiva do pavillón.
A intervención será "a menor posible", aclarou o responsable de Obras, xa que o Concello quere respectar o proxecto orixinal do arquitecto Alejandro de la Sota, ao ser un inmoble emblemático e que "merece protección".
O principal cambio estético producirase na planta baixa do pavillón e no despacho de billetes. "Vai a ter un aspecto novo", explicou, ao reformarse esta zona para poder instalar un ascensor que permitirá que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder a todas as plantas destas instalacións deportivas.
Colocarase unha peza de cristal traslúcida en forma de U e cuberta cunha celosía, co ascensor nun lateral. O resto do espazo será ocupado polo despacho de billetes, que tamén terá unha xanela de venda de entradas a persoas que acudan en cadeira de rodas, e por un aseo adaptado -este xa no interior do pavillón-.
Ademais, suprimirase a rampla central ao ocupar máis espazo o despacho de billetes e adaptaranse as laterais á normativa de accesibilidade.
OUTRAS ACTUACIÓNS
No soto do pavillón, onde están situados os aseos, habilitarase un espazo -tanto nos baños masculinos como femininos- para que as persoas ostomizadas poidan baleirar as súas bolsas e na planta baixa, ademais do novo aseo, ampliaranse as escaleiras que dan acceso ás oficinas do Servizo Municipal de Deportes.
Haberá cambios tamén na entreplanta, onde se colocará outro aseo adaptado e modificarase a zona de palco. As butacas -salvo as da primeira fila- poderanse quitar para deixar espazo ás cadeiras de rodas e substituirase a actual varanda por unha de vidro para que permita a visión sen ningún tipo de barreira. Unha actuación similar farase na planta alta.
Esta actuación non incluirá actuación algunha nas bancadas, ao entender o Concello que "non é posible" e que na zona traseira das mesmas, moi utilizada polo público que opta por ver os partidos de pé, vese "perfectamente".
Relacionadas:
-
O Pavillón Municipal, en obras desde o luns
Por Redacción |
-
As obras de accesibilidade do Pavillón non interromperán a actividade deportiva
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda xornada provincial para persoas ostomizadas centrarase na actividade física e os aspectos sociais
Por Oskar Viéitez |
-
Marea reclama garantir a accesibilidade no Pavillón Municipal
Por Redacción |