O mercadiño de Carballedo cumpre un ano
Por Redacción
A Feira de Carballedo celebra este venres o seu primeiro aniversario tras contabilizar preto de 5.000 clientes nas súas 12 primeiras edicións, xa que foi medrando paseniñamente dende a súa creación en xullo de 2016 e xa ten entre 350 e 450 clientes habituais.
O mercadiño mensual, que se celebra os segundos venres de cada mes, comezou timidamente nos meses de verán e foi medrando de xeito constante.
A feira conta na actualidade con entre 20 e 25 postos por edición que ofrecen roupa, calzado, produtos de alimentación, artesanía e pezas de fogar, entre outros, e tamén conta cun demandado servizo de polbeiría a cargo da empresa A Fuchela, procedente do concello ourensán do Carballiño. Non se descarta que a oferta comercial se vaia incrementando se segue a aumentar o fluxo de clientes.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo balance deste primeiro ano e destacou que a cita está "consolidada" e que foi "un acerto" do goberno local apostar por esta iniciativa, "xa que favorece a dinamización comercial e social de Carballedo como capital do concello, pero tamén de todo o termo municipal e pouco a pouco vaise convertendo nunha cita imprescindible dos veciños".
O rexedor resaltou que o crecemento desta feira está a ser "paseniño pero constante, o cal é unha moi boa nova, xa que non se trata nin dun boom nin de flor dun día e o que vén unha vez, adoita repetir ao mes seguinte".
Relacionadas:
-
O mercadiño de Carballedo transfórmase o venres nunha edición especial da Feira de Nadal
Por Redacción |
-
Carballedo estrea este venres a Feira de Pascua
Por Redacción |
-
A feira de Carballedo ten unha media de 400 clientes cada mes
Por Redacción |
-
Carballedo estreará este venres a súa feira mensual
Por Redacción |