Falece o 'narco' do clan de 'Os Madereiros' José Lafuente
Por Redacción
O narcotraficante José Lafuente Martínez, membro do clan arousano de 'Os Madereiros', será enterrado este martes tras falecer nas últimas horas a causa dunha enfermidade que o 19 de febreiro xa que lle impedira acudir a un xuízo previsto na Audiencia Provincial de Pontevedra polos delitos de tráfico de drogas, branqueo de diñeiro e posesión ilícita de armas.
Lafuente está a ser velado no tanatorio municipal de Ribadumia e recibirá sepultura ás 16.30 horas no cemiterio de Armenteira, en Meis, de onde é natural.
O 19 de febreiro debía acudir á Audiencia xunto a outras tres persoas (unha delas a súa esposa), pero o seu avogado achegou un escrito que acreditaba a súa enfermidade e o xuízo quedara aprazado.
O presidente da Sección Segunda da Audiencia, José Juan Barreiro, decidiu aprazar a vista sen día, para fixala unha vez que o principal procesado se recuperase da súa doenza. Unha vez certificada a súa defunción, xa poderá volver sinalarse para xulgar os outros tres acusados.
O fiscal acusaba a Lafuente de dous delitos contra a saúde pública, un de branqueo de capitais e outro de tenza ilegal de armas e á súa esposa e os outros dous achegados procesados nesta causa de axudalo a introducir cocaína en España e ocultar o diñeiro logrado co narcotráfico. Agora serán xulgados os supostos cómplices e homes de palla.
José Lafuente conta con completo historial de paso polos xulgados e o cárcere, tanto polo secuestro do seu sobriño José Radío na súa casa de Sisán (Meaño) coma por tráfico de drogas (por un tribunal non español).
A operacion Sisana na que foi detido desenvolvérona o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados e o Equipo de Crime Organizado (ECO) da Garda Civil en novembro de 2009 e na casa do acusado en Sisán encontraron cocaína, sete armas de fogo e obxectos tan disparatados como un cairo de elefante, unha pel de serpe ou pedras preciosas.
Ademais, destaparon que Lafuente, coa colaboración dos outros acusados como os seus homes de palla, branquexaba diñeiro procedente do tráfico de drogas derivándoo a contas en Portugal ou en paraísos fiscais como Macao, Las Bahamas ou as Illas Caimán ou comprando propiedades como o chalé no que vivía en Meaño. Chegou a branquexar ata nove millóns de euros, de modo que o fiscal pide que esta sexa a multa que aboe en caso de ser condenado.