Desconvocada a folga da alimentación tras chegar a un preacordo na negociación ás 22:30h.
Por Anxo Lourido
Foi unha longa xornada de negociación en Vigo entre a patronal e os representantes sindicais pero finalmente deu os seus froitos. Pasadas as dez e media da noite chegábase a un entendemento entre as partes e decidíase asinar un preacordo que pechase o conflito iniciado hai meses.
Esta resolución obrigou os sindicatos a poñer en marcha toda a súa artillaría de comunicación para desconvocar a folga que xa se anunciara tamén para a xornada de mañá. Sen ir máis lonxe, unha hora antes, nos locais sindicais de Pontevedra decidiran continuar este martes co paro e organizaran aos piquetes para que entrasen en acción a partir das seis da mañá.
Non obstante, os traballadores que se atopaban aínda na asemblea de Vigo foron consultados en relación cos puntos do preacordo e deron o seu visto bo.
As negociacións duraron máis de doce horas e, a pesar de que durante a tarde, houbo un momento de achegamento, ás nove da noite as posturas volvían afastarse porque existían diferenzas entre os diferentes membros da patronal. O mediador José María Casas de Ron chegou a ofrecer a opción da arbitraxe cos puntos que estaban naquel momento enriba da mesa. Non obstante, pasadas as dez e media da noite conseguíase establecer un acordo de mínimos que permitirá que durante o que resta de Semana Santa todos os establecementos do sector da alimentación permanezan abertos.
Ao longo das próximas horas coñeceranse os termos deste preacordo que se comezou a redactar entorno ás 23 horas.