Castelao defende os lombos no rural e reclama que se coloquen por criterios técnicos
Por Redacción
A Federación Castelao toma partido con respecto á polémica dos lombos no rural. Faino para discrepar coa plataforma O Rural Existe, moi crítica cos elementos de calmado de tráfico que se instalaron nas últimas semanas en Verducido e Santa María de Xeve.
A comisión permanente deste colectivo veciñal asegura que foron os respectivos consellos parroquiais, nos que están representados todos os colectivos sociais, os que iniciaron os trámites necesarios para solicitar a construción dos lombos nas estradas que cruzan eses lugares "polo que debemos respectar a súa decisión de calmar o tráfico".
Castelao entende que "son eles quen soportan e conviven coas excesivas velocidades dos vehículos ademais de soportar un perigo inminente cada vez que botan un pé fóra das súas vivendas", como sinalaron veciños destas parroquias aos representantes veciñais.
Se ben é certo, din desde a federación, que hai máis elementos de calmado de tráfico que os lombos, aseguran que as rotondas teñen un custo máis elevado e implican expropiacións e opóñense totalmente á instalación de radares ao rexeitar "que se meta a man no peto das familias", unha medida que "non é a solución".
A experiencia dos lombos noutras zonas do Concello "é a que nos fai decantarnos por este método como o máis eficaz para calmar a velocidade dos vehículos, dado que obriga, queiramos ou non, a reducir a velocidade aos límites establecidos para que poidan convivir con seguridade real tanto os peóns como os vehículos".
Ademais, con respecto á discusión sobre se son moitos ou poucos os lombos instalados, Castelao acordou que "non debe deixarse á decisión dos veciños da zona" como tampouco o seu lugar de instalación, senón que deben ser os técnicos os que tomen esas decisións.
Iso si, Castelao pide ás administracións competentes que cada vez que vaia realizar unha actuación deste tipo acheguen de xeito oficial aos consellos parroquiais estes informes técnicos, "para así poder contrastalo, e de ser o caso, melloralo se así procede".
Dado que tamén se están a realizar actuacións similares por parte da Deputación noutras zonas do Concello como Lourizán, Salcedo ou Tomeza, a federación veciñal solicitará os informes técnicos de todos estes proxectos para analizalos antes de que se executen.
No seu comunicado, Castelao recorda que a comisión permanente que aprobou esta posición está formada polas asociacións veciñais Santa María de Pontesampaio, Héroes do Campo da Porta (Salcedo), Salcedo Norte (San Brais), San José de Campolongo, Santo Paio de Campañó, O Chedeiro de Cerponzóns, Atlántico (Zona Fernando Olmedo) e Estriñeres (Lourizán).
Ademais, na comisión participou de forma excepcional a asociación de veciños Outeiro do Castro de Verducido, para expoñer as demandas da parroquia.
Relacionadas:
-
'O Rural Existe' considera a instalación masiva de lombos como "un insulto á xente do rural"
Por Natalia Puga |
-
O BNG buscará apoio no pleno para pedir á Xunta lombos en Lérez e Xeve
Por Diego Espiño |
-
Xeve e Verducido terían máis lombos, di a Deputación, de seguir a normativa de Fomento
Por Redacción |
-
O Concello asegura que o consello parroquial de Mourente respalda os novos lombos
Por Redacción |
-
Pontevedra regulará os lombos, avisa Moreira, "porque es lo que quieren los vecinos"
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local arquiva a nova ordenanza de lombos do PP
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma "O Rural Existe" reclama menos lombos
Por Oskar Viéitez |