Denuncian ante a Valedora do Pobo o abono taurino para menores da Feira da Peregrina
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber anunciaron a interposición dunha queixa ante a Valedora do Pobo polo abono taurino para menores da Feira da Peregrina.
A empresa Hermanos Lozano anunciou que este ano haberá un abono especial para que os menores de 18 anos asistan ás tres corridas da feira e que sairá á venda a 30 euros.
Os abolicionistas consideran que estas prácticas comerciais entran en contradición de principios como o 'interese superior da infancia e da adolescencia', ademais de confrontar cunha recomendación do alto comisionado de 2011, onde se pedía á Xunta de Galicia que establecese medidas para non permitir a entrada de menores como espectadores deste tipo de festexos.
O anteproxecto de Lei de Espectáculos Públicos, cuxa fase de exposición pública acabou este luns, inclúe no seu articulado esta recomendación do organismo independente, polo que animalistas e abolicionistas instan a diversas administracións, entre elas o Concello de Pontevedra, a condenar de maneira expresa a iniciativa.
Neste sentido tamén se manifestou a cámara autonómica, cunha proposición non de lei aprobada por unanimidade de todos os grupos parlamentarios na que se instaba precisamente ao executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo a establecer idénticos mecanismos aos expostos polo valedor naquel momento e que tamén estarían reflectidos no documento normativo.
Galicia, Mellor Sen Touradas, FFW e Libera! consideran de "extrema gravidade" a potencial posibilidade de que un neno con tan só 9 ou 10 anos poida acceder ao coso de San Roque por un prezo reducido "e ser testemuña dun acto de malos tratos explícitos cara a un bóvido".
Relacionadas:
-
Propoñen ao Concello aforrar 38.000 euros suprimindo o "convenio taurino" nos orzamentos de 2018
Por Redacción |
-
Críticas por un 'tentadero' taurino en Moraña
Por Redacción |
-
Os antitouradas volven esixir na rúa a abolición da tauromaquia en Galicia
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O man a man entre os irmáns Rivera Ordóñez, estrela do cartel de touros da Peregrina
Por Ramiro Espiño |
-
Os abolicionistas lanzan unha ofensiva para impedir un tentadeiro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra renovará o convenio para usar a praza de touros durante a Feira Franca
Por Alejandro Espiño |