O PP pedirá no pleno que a web municipal publique todos os contratos negociados con e sen publicidade
Por Redacción
O grupo municipal do PP levará ao próximo pleno de Pontevedra unha moción instando ao goberno local a que cumpra a Lei de Transparencia e publique na web oficial do Concello de Pontevedra todos os contratos negociados con ou sen publicidade que se suscriban.
O voceiro do PP, Jacobo Moreira, denuncia que tan só na última Xunta de Goberno de xuño formalizáronse tres contratos por un valor total superior aos 672.000 euros empregando contratos negociados sen publicidade. Ante esta situación e asegurando que este tipo de adxudicación é moi habitual por parte do grupo de goberno, decidiron presentar a citada moción.
Moreira lémbralle ao grupo de goberno que o procedemento negociado sen publicidade é "un mecanismo excepcional" ao que poden recorrer os concellos, pero que, en todo caso, "non se debe empregar como práctica habitual". A pesares diso, e das críticas xa reiteradas do PP, segue usándose con moita frecuencia.
Ademais de cuestionar que eses contratos sexan tan frecuentes, tamén critican que non se informe sobre os mesmos e esixen "a máxima transparencia" e o cumprimento da lei. "Os pontevedreses teñen dereito a coñecer en que inviste o goberno local os seus cartos", sinalou Jacobo Moreira.
Respecto diso, tamén critica que o goberno local "desoe" as recomendacións dos técnicos municipais e están a empregar este mecanismo na maioría das contratacións que levan a cabo, incluso empregando o fraccionamento de contratos para non superar o límite disposto pola lei para empregar esta técnica e a pesar dos informes técnicos desfavorables.