Froiz e outras seis empresas compran máis parcelas en Barro-Meis
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Grupo Froiz adquiriu novas parcelas no polígono de Barro-Meis. A venda de 10.000 metros cadrados de terreo xa fora aprobada pola Deputación no mes de abril, por un importe 1.150.000 euros. Nos últimos días asinouse a venda desta parcela xunto coas doutras sete para seis empresas que tamén adquiriron espazos no polígono cunha extensión de 16.613 metros cadrados e un importe que rolda os 1,8 millóns de euros.
Estas empresas son a firma de enerxías renovables EDF Solar S.L., o cocedoiro Mariscos Alumar, a empresa de transportes José Benito González Villaverde, o importador de froitas TC Grupo Atlántico SL, Frutas Moncho e a firma de transportes Bavalent SL (que comprou dúas parcelas).
A día de hoxe están vendidas un total de 34 parcelas que suman ao redor de 140.000 metros cudrados e están outras dúas pendentes de firma en próximas datas. Quedan outras 40 parcelas á venda e que poden ser adquiridas ata abril do 2018.
FROIZ
Coa última adquisición de terreo o Grupo Froiz adquiriu un total de 16 parcelas en Barro Meis para a instalación do seu centro loxístico nesta localización estratéxica. Con esta compra Froiz é propietaria dunha superficie de 82.000 metros cadrados.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento ao empresario "modelo" Magín Alfredo Froiz "pola súa aposta pola economía en Galicia" e polo seu "compromiso" coa provincia de Pontevedra.
Pola súa banda Magín Alfredo Froiz, recentemente recoñecido polo Goberno coa Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, agradeceu o compromiso das administracións co seu proxecto "parte del mérito es de la presidenta de la Deputación y del alcalde de Barro".
Ademais explicou que a última parcela adquirida destinarase á plataforma de conxelados cuxa contrucción está previsto iniciar o próximo ano. "Espero que sea la primera de las fuertes", dixo respecto ao gran proxecto de centro loxístico do que para a súa nave máis grande "nos queda un poquito más".
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, mostrou a súa satisfacción polo "tipo de empresas que chegan ao polígono que non crean problemas e serven para atraer a outras".
Relacionadas:
-
Froiz e Yatecomeré mercan catro novas parcelas no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Froiz inicia as obras de peche da parcela do seu futuro centro loxístico
Por Redacción |
-
O Goberno premia a Magín Froiz coa Medalla do Traballo
Por Oskar Viéitez |
-
O novo centro loxístico de Froiz que dará traballo a máis de 500 persoas estará listo en tres anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |