Volveu pasar: os gansos saen pasear por Benito Corbal
Por Redacción
A imaxe que tanto impactou aos pontevedreses o pasado abril dun grupo de gansos paseando pola rúa Benito Corbal volveu a repetirse sobre as 7.00 horas deste luns. Seis crías de gansos do Nilo e a súa nai caeron desde as alturas, aterraron na rúa máis comercial da cidade e deixáronse ver pola beirarrúa ata que axentes da Policía Local lograron rescatalos.
Do mesmo xeito que ocorreu hai dous meses e medio, a nai e as súas crías foron saltando unha a unha desde a xardineira do sétimo piso do edificio que fai esquina entre Benito Corbal e Sagasta, onde aniñaran. Unha vez na rúa, botaron a andar ante o estupor dos viandantes e condutores.
A Policía Local foi alertada do ocorrido unha patrulla desprazouse ao lugar. Os axentes lograron agrupar a todos os animais na entrada dun garaxe e capturalos, evitando desta forma que se fixesen dano, perdéranse ou foran alcanzados por algún vehículo de forma accidental.
A continuación, a Policía solicitou a axuda do a Consellería de Medio Ambiente para que se fixese cargo das crías, que foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo.
O ganso do Nilo está incluído no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente desde 2013 polo alto risco de xerar impactos na biodiversidade.
Relacionadas:
-
Pontevedra decláralle a guerra aos gansos do Nilo
Por Redacción |
-
A familia dos gansos do Nilo, de paseo cara o Gafos facendo uso do paso de peóns
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os gansos do Nilo pasean por Pontevedra para amosar a cidade ás súas novas crías
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- A familia gansa sae de paseo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Unha familia de gansos revoluciona Benito Corbal
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |