O 061 incorpora en Sanxenxo durante o verán unha ambulancia medicalizada
Por Redacción
Un ano máis, o 061 de Galicia contará as 24 horas, nos meses de xullo e agosto, cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo que dará cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia.
Durante o período estival, a poboación destes concellos aumenta debido aos movementos de poboación relacionados co turismo, favorecendo a existencia de grandes fluxos de circulación polas estradas e aumentando a sinistralidade por accidentes de tráfico.
A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de Sanxenxo conta cun equipo humano composto por un médico e un enfermeiro especializados na atención sanitaria en situacións de emerxencias e dous técnicos en transporte sanitario urxente. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado a un centro hospitalario.
No período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto do ano pasado, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base no centro de saúde de Baltar mobilizouse en 230 ocasións e asistiu a 219 persoas.