Achega de 160.000 euros para a humanización da rúa Castelao no Grove
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas por valor de case 160.000 euros para o concello de O Grove. En concreto, con esta achega, o goberno local poderá humanizar a Rúa Castelao entre Luis A. Mestre e Luis Casais.
Este novo investimento na vila súmase aos xa aprobados ata o momento e que supoñen o 51,32% do orzamento que lle corresponde a O Grove ao abeiro do Plan Concellos 2017.
Así, O Grove recibiu xa preto de 400.000 euros a través dos cales puido poñer en marcha actuacións como a substitución do pozo localizado no Burato da Londra por un dunha maior capacidade, o financiamento de actividades como o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, a Gala Municipal do Deporte, as actividades do Entroido, a Carreira Popular, un simposio internacional de escultura ao aire libre ou un programa de dinamización en Igualdade e prevención da violencia de xénero.
Amais, e tamén ao abeiro do Plan Concellos 2017, O Grove está a contratar a 26 persoas para desenvolver tarefas que garantan os servizos básicos municipais.
O goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para O Grove, leva xa distribuídos máis de 29 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 70,6% do Plan Concellos.
Relacionadas:
-
Case 130.000 euros para mellorar 193 quilómetros de sinalización en estradas do Salnés
Por Redacción |
-
A mellora da estrada de San Vicente do Grove, máis preto
Por Redacción |
-
O goberno provincial destina fondos para Vilaboa e O Grove
Por Redacción |
-
Unha escultura lembrará o paso polo Grove dos restos do Apóstolo cara Santiago
Por Oskar Viéitez |