Erradicados dous puntos de vertido de augas residuais
Por Redacción
Augas de Galicia supervisou a emenda de senllos puntos de vertido de augas residuais localizados nos concellos de Pontevedra e Cuntis. Así, grazas á intervención dos inspectores adscritos ao plan de control de vertidos foron eliminadas senllas conexións irregulares con destino ao dominio público hidráulico.
Deste xeito, o organismo de conca instou a unha entidade privada situada no concello de Pontevedra a eliminar un aporte de augas industriais a unha gabia da estrada de acceso á nave. Segundo puideron comprobar os inspectores, as augas procedentes da torre de refrixeración da factoría, dedicada ao despece de aves, vertían irregularmente á canle de recollida das baixantes de pluviais procedentes da cuberta da nave.
Tras a correspondente intervención requirida á empresa, os técnicos de Augas de Galicia puideron comprobar que a conexión das augas de refrixeración foron redirixidas cara á recollida interna das augas industriais con destino final á rede de saneamento municipal, eliminándose, por tanto, esta afectación.
Por outra banda, en Cuntis foi eliminado un punto de vertido no lugar da Anllada, que estaba a afectar a un rego e que foi provocado por unha ruptura no sistema depurativo municipal.
Deste modo, e tras un requirimento da administración hidráulica de Galicia, o Concello de Cuntis logrou reparar o dano mediante a aplicación dun plan de actuacións e emenda.