O BNG cre que o ministro de Fomento "está comprando todos os boletos para que o declaremos persoa non grata"
Por Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, de acto este venres en Combarro, sumouse ás críticas realizadas polos grupos da oposición sobre o veto do Goberno a que se debata no Congreso dos Deputados a proposición de lei aprobada polo Parlamento galego para a transferencia da autoestrada do AP-9. Moi dura nas súas afirmacións, sinalou que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, "está comprando todos os boletos para que o declaremos persoa non grata neste país".
Na opinión de Pontón, o informe remitido polo Ministerio de Fomento ao Congreso vetando o debate é "unha nova mostra do agravio e do desprezo co que se trata a Galiza desde Madrid", de maneira que ben lle valería ao titular deste departamento que Galicia o declare non grato.
Este segundo veto do Gobeno a que o Congreso debata a proposta é tamén, para Ana Pontón, unha nova proba de que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "non pinta nada en Madrid". O mandatario galego é tamén "responsable" deste agravio a Galicia pola súa "incapacidade para defender os nosos intereses, que no pasado xustificou e seguro volverá xustificar este informe".
O Goberno xustifica o seu voto argumentando que a proposición aprobada pola unanimidade dos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia supón unha modificación orzamentaria, pero o BNG discrepa e engade que o equilibrio das contas públicas rómpese "polo rescate bancario, polo rescate das radiais madrileñas ou das amnistías fiscais ilegais aprobadas por Montoro", pero non pola transferencia da autoestrada.
Ao igual que tamén fixo o voceiro socialista no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, en Pontevedra, Ana Pontón tamén falou en Combarro sobre a presidenta do Congreso dos Deputados, a deputada pontevedresa do PP Ana Pastor. "Agardo que non volva cometer unha traizón con este país, que non volva pasar por riba de todos os galegos e galegas sendo cómplice dun novo agravio", sinalou a voceira nacionalista.
Pontón considera que Galicia "ten que seguir facendo presión para que realmente consigamos o traspaso da AP9" como paso para "poñer fin á situación de ter unha das peaxes máis caras do Estado cando temos un dos salarios máis baixos".
Relacionadas:
-
Marea levará ao pleno da Deputación a petición de transferencia da AP-9
Por Redacción |
-
O PSOE apela a Ana Pastor para que desbloquee co seu voto o debate da transferencia da AP-9 no Congreso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG recorrerá ante o Tribunal Constitucional o veto do PP ao traspaso da AP-9
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG colapsa as cabinas de peaxe entre Pontevedra e Vigo contra "a navallada" da AP-9
Por Redacción |