O Concello confía en que a reforma das piscinas de Campolongo estea lista no 2018
Por Alejandro Espiño
Tras un arduo proceso administrativo, todo apunta a que a reforma das piscinas de Campolongo deu un paso importante para a súa contratación. O Concello aprobará nuns días o novo estudo de viabilidade destas instalacións, un trámite previo para poder sacar a licitación este contrato, valorado en 3,5 millóns de euros.
O responsable en materia de contratación, Raimundo González, asegurou que o goberno municipal confía que "se non hai máis atrancos", no prazo de "oito ou nove meses" póidase adxudicar o contrato de reforma, ampliación e mellora das piscinas, polo que sumado ao prazo de execución de seis meses permitiría que a obra concluíse antes de que acabe 2018.
É a terceira vez, recoñeceu o edil do BNG, que se fai un estudo de viabilidade destas características. A primeira foi en 2013, cando se tentou sen éxito licitar conxuntamente estas piscinas co complexo lúdico da Parda; e a segunda en 2016, un trámite que se tivo que paralizar por cambios na normativa estatal en materia de contratación.
O estudo, elaborado por unha asistencia técnica, mantén as obras que se farán nas piscinas, entre elas, a ampliación das instalacións, a renovación da cuberta -onde están as canchas polideportivas-, o cambio do chan ou a substitución de todas as instalacións eléctricas, fontanería ou carpintería. "Son case unhas piscinas novas", segundo González.
Pero tamén hai novidades, atendendo ao novo regulamento estatal e ás alegacións presentadas ante anteriores estudos. Así, o prazo de concesión fixarase en 20 anos e o Concello achegará un millón dos 3,5 que custarán as obras. As empresas terán máis puntos no proceso de licitación canto máis reduzan o investimento municipal.
Ademais, determínase un volume de 2.800 abonados cun pico anual de 4.000, para garantir a viabilidade económica das piscinas e, ao mesmo tempo, que as instalacións non estean moi masificadas. Manteranse os 38 postos de traballo, 27 deles a tempo completo, segundo garante a lexislación vixente e incluirán os pregos administrativos.
Unha vez que o estudo de viabilidade se publique no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un prazo dun mes para a súa exposición pública e a presentación de posibles alegacións.
Este atraso obriga a aprobar unha nova prórroga, a novena, do actual contrato que ten Serviocio. Será ata que se adxudique este novo contrato ou, como máximo, polo prazo dun ano.
Relacionadas:
-
Impulso á reforma das piscinas de Campolongo: a obra podería empezar este verán
Por Natalia Puga |
-
O anteproxecto das piscinas de Campolongo propón unha "revolución total"
Por Oskar Viéitez |
-
"Hemos sido estafados", denuncia o PP tras a nova prórroga á concesionaria das piscinas de Campolongo
Por Diego Espiño |
-
Piden solucións de emerxencia ante os 35 graos e 90% de humidade das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O Concello prorrogará por novena vez o contrato das piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
O IMD deixa paso ao Servizo Municipal de Deportes
Por Redacción |