Fronte común contra a venda de coches usados nos aparcadoiros dos supermercados
Por Redacción
Os dous supermercados emprazados na zona das Carolinas están dispostos a colaborar co Concello de Vilagarcía para eliminar dos seus respectivos aparcadoiros públicos a venda ambulante de coches por parte de terceiros.
O alcalde, Tomás Fole, reuniuse nos últimos días con representantes dos supermercados Lidl e Día e ambos os dous puxeron de manifesto o interese das súas empresas en poñer fin a unha práctica irregular que ocasiona as queixas da clientela dos seus establecementos polas prazas de estacionamento que ocupan de xeito continuo vehículos con carteis de "se vende".
Segundo anunciou o Concello, en vista da boa disposición de ambos os dous supermercados e do interese que eles tamén teñen por liberar os seus aparcadoiros deste sistema "pouco ortodoxo" de venda ambulante de vehículos, despois de Semana Santa celebrarase unha reunión a tres bandas para determinar que tipo de actuacións se poñen en marcha e o procedemento a seguir.
Tanto os supermercados como o Concello asesoraranse xurídica e legalmente para que as medidas a adoptar cumpran as garantías de legalidade xa que o baleiro legal existente ao respecto, así como as peculiares características desta práctica presenta dúbidas que é preciso aclarar. Entre estas, o ámbito de actuación da Policía en un aparcamento de uso público pero de titularidade privada, si procede retirar un vehículo que está ben estacionado ou só se pode sancionar, ou ver como actuar si o coche non se move do mesmo sitio nun determinado número de días.
Tamén se estudarán outras posibilidades como contactar cos supostos vendedores a través dos números de teléfono que constan nos carteis dos coches para instalos a retiralos, identificalos e comprobar si contan cos permisos para exercer a venta ambulante e mesmo instalar unha especie de mamparas que tapen a visión e exhibición dos vehículos e que, polo tanto, actúen como elemento disuasorio.