Pontevedra entregará este sábado á familia de Sabino Torres o título de fillo predilecto
Por Redacción
A familia de Sabino Torres recollerá este sábado 1 de xullo o título de fillo predilecto de Pontevedra que a corporación municipal outorgou, coa abstención de Marea, ao lembrado escritor e editor pola súa entrega á Boa Vila e a súa contribución ás letras e á cultura galega.
Será nun acto de homenaxe que se celebrará ás 19.30 horas no Café Moderno, segundo informou o Concello de Pontevedra.
Sabino Torres, que faleceu o 23 de maio de 2016 en Madrid aos 92 anos de idade, foi un dos referentes culturais en Pontevedra desde mediados do século XX, grazas á súa faceta como editor, xornalista, poeta e escritor.
Comezou a súa actividade xornalística en Pontevedra no ano 1943 na revista Finisterre con Emilio Canda Pérez e Celso Emilio Ferreiro, pero sen dúbida una das súas máximas contribucións á cultura galega foi a edición a partir de 1949 da colección Benito Soto con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira, na que se editaron 17 publicacións.
En 1953 creou semanario Litoral e en 1992 a colección poética Hipocampo Amigo con Emilio Álvarez Negreira e na súa biografía destaca tamén o seu papel protagonista na película La gran truchada, rodada en 1959, en branco e negro e muda, sobre a súa mocidade en Pontevedra xunto aos seus amigos.
A súa traxectoria literaria levouno a ser membro correspondente da Real Academia Galega e permitiulle deixar unha extensa obra tanto en galego como en castelán. A última, editada en 2015 por Galaxia e o Concello de Pontevedra, foi Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros.
Cuaderno de Carmen (1949), Ondas do mar comigo (1997), Trovas de Nadal (1999), Xograría nova (2000), Intres de soidade (2001), As tres columnas (2008), Versos para la bella Helenes (2010) y Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (2014) completan a súa bibliografía.
Relacionadas:
-
"Lembranza dun fillo querido, predilecto, desta cidade que tanto amou"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Sabino Torres, novo fillo predilecto de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Sabino Torres será nomeado fillo predilecto de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra rende a súa primeira homenaxe ao falecido Sabino Torres
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Falece en Madrid o escritor e editor pontevedrés Sabino Torres
Por Redacción | Creada e actualizada