Mosquera, en Barcelona: "Expulsar ás persoas dos espazos públicos é unha inxustiza"
Por Redacción
Pontevedra volveu estar presente nun foro sobre mobilidade. Desta volta foi o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, o que viaxou ata Barcelona para participar no 23 Fórum Barcelona de Seguridade Viaria. Nel, puxo en valor a estratexia urbana desenvolvida en Pontevedra, que permitiu reducir a cero as vítimas mortais da violencia viaria.
Na súa intervención, Mosquera sinalou que os espazos públicos urbanos, as rúas e prazas, constitúen, por un lado un servizo público básico, da mesma orde que a educación e a sanidade e por outro son un dereito elemental das persoas que viven ou están na cidade.
"Expulsar ás persoas, aos cidadáns dos espazos públicos é da mesma gravidade e inxustiza que expulsalos do acceso á educación ou a sanidade", destacou o representante do goberno municipal de Pontevedra.
Pontevedra foi a única cidade convidada para expor neste foro o seu modelo urbano. O evento xirou arredor da "Visión 0" a iniciativa de Suecia -asumida como obxectivo pola Unión Europea- que parte da premisa de que é inaceptable a morte de persoas en accidentes de tráfico e hai que actuar dun xeito transversal para combater a sinistralidade viaria.
Co obxectivo de transformar Pontevedra e acadar os estándares de calidade de vida e urbana que fan dela un referente no mundo, "tivemos que actuar con decisión, determinación, con coherencia" indicou o concelleiro de Infraestruturas, piar básico na formulación, deseño e aplicación do modelo de cidade.
César Mosquera fixo un repaso polo miúdo da estratexia "visión 0 vítimas, 0 expulsados e 0 asfixiados", das medidas adoptadas co fin de acadar o éxito, medible en beneficios para a saúde e benestar urbano.
Así, recordou que se instalaron arredor de lombos 400 urbanos e máis de 700 en todo o municipio, decretouse a velocidade máxima de 30 quilómetros por hora en todo o concello e limitouse o tráfico urbano aos tráficos de necesidade, o que causou unha redución de tráfico do 50% no conxunto da cidade e de ata un 79% no centro.
Con estas medidas logrouse, recordou Mosquera, que a cidade non rexistre ningunha vítima mortal en accidente desde o ano 2011, recuperáronse espazos públicos evitando a "expulsión" da cidade de colectivos especialmente vulnerables e melloráronse os datos da contaminacón, cumprindo os parámetros fixados pola Organización Mundial da Saúde.
Relacionadas:
-
VIDEO.- O Pleno da Deputación recolle as protestas dos veciños do rural contrarios á instalación masiva de lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A 'desautoxicación' de Pontevedra, no Fórum Barcelona de Seguridade Viaria
Por Redacción |
-
Lores pide a empresarios galegos en Madrid que "volvan a facer negocios na súa terra"
Por Redacción |
-
O Senado de México, interesado en Pontevedra para humanizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |