"Os pontevedreses senten a Brilat como algo que forma parte de Pontevedra, gústenlle máis ou menos os militares"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Parco en palabras, coa amabilidade sempre por diante e moi sorprendido co bo tempo co que lle recibiu Pontevedra desde a súa toma de mando en abril, o novo xeral xefe da Brilat Galicia VII, Antonio Romero Losada (Línea de la Concepción, 1963), fai repaso da Brigada "punteira" que se atopou e dos novos retos que teñen por diante, con misións en Afganistán e Mali no horizonte.
Nas últimas semanas xa tivo oportunidade de coñecer a fondo a Brigada. Que se atopou?
A verdade é que atopei unha unidade con moita soleira, moi ben preparada, moi instruída, coa moral moi alta debido ás últimas misións que fixeron (como unidade) VJTF da OTAN. Tanta relevancia que tivo esta misión durante o último ano deixa a Brigada nunhas condicións magníficas de instrución, de preparación, de moral... de todo. Francamente, atopeime unha unidade moi boa.
Precisamente, o día da súa toma de mando destacaba vostede que se trata dunha unidade punteira no Exército de Terra. Que ten para recibir tan boas críticas?
A Brigada o que ten é unha tradición moi longa arraigada nas súas bases, tanto en Galicia como en Asturias e agora tamén Valladolid. Leva moito tempo tamén saíndo a operacións, moito tempo traballando e iso vaille dando unha soleira e unha tradición e preparación importante. Ademais, a tropa é case toda autóctona, de aquí, de Galicia, e iso, queiras que non, dálle unha continuidade, unha estabilidade e unha experiencia que fai que a nosa tropa sexa moi veterana.
Destacaba tamén aquel día a vinculación da Brigada con Galicia. Estar asentada nesta comunidade e en Pontevedra en particular dálle algún trazo diferencial?
Tanto como diferencial non diría eu, pero si inflúe no sentido de que dá moita estabilidade, tanto á tropa como aos mandos. Iso, ao final, cohesiona e é bo para a unidade.
Sempre se destacou a cantidade de militares de orixe galega que ten a brigada. De que número estamos a falar? Que porcentaxe sobre o total da Brilat?
Aquí en Pontevedra estamos a falar de máis do 70 por cento. Logo, en Asturias e en Valladolid é diferente.
Cal cre que é a opinión dos pontevedreses sobre a Brigada? Séntena como súa?
O que eu puiden captar é que si. Tanto as persoas que son afíns ao Exército como as que, polo que sexa, non son afíns, si senten a Brigada como algo de aquí, algo que forma parte de Pontevedra gústenlle máis ou menos os militares.
"As mulleres están no Exército hai 30 anos, xa queda pouquiño para que teñamos as primeiras mulleres xenerais"
Vostede chega agora nunha etapa de paz, pero no pasado viviuse un conflito longo e complicado cos veciños da contorna. Considera que está todo superado?
Si, eu creo que está todo completamente superado xa e está totalmente isto funcionando cos acordos que hai en vigor e todo o mundo o acepta.
Superado ese conflito, e para adaptarse ás novas condicións na titularidade do terreo da base, realizáronse obras e melloras nas instalacións. Na actualidade está satisfeito coas instalacións que teñen?
Si, a verdade é que si. O acordo ao que chegou é moi bo e as instalacións que temos coas obras que se fixeron, con todo o que hai novo, estamos moi satisfeitos.
Chega á Brilat tras pasar pola Lexión e por varios destinos no propio Ministerio de Defensa. Que supón esta nova responsabilidade na súa carreira?
Para min é moi importante porque é unha unidade, como diciamos, punteira, moi ben preparada, é unha responsabilidade enorme e, bo, iso é un paso moi importante.
"A Brilat é unha unidade punteira, moi ben preparada, é unha responsabilidade enorme"
Chega nun momento relaxado tras a intensidade de 2016 e ás portas de dúas novas misións internacionais en 2018. Como afronta esta época de transición?
Con moita ilusión. Aínda que é verdade que a etapa de VJTF, de alta dispoñibilidade da OTAN, deulle á brigada unha visibilidade enorme de fronte ao estranxeiro e de fronte ao resto do Exército, a nosa xente viu un pouco mermadas as súas aspiracións de saír a operacións. O soldado o que quere é saír a operacións. Todo o mundo quere participar nesas operacións e o feito de que non puidésemos saír pola dispoñibilidade que tiñamos para a OTAN deixounos un pouco no dique seco. Entón, esta nova etapa vívese con moita ilusión, está todo o mundo con moitas ganas de que nos digan xa exactamente os números para empezar xa a ver quen vai.
Empezaron a prepararse para as dúas misións en Afganistán e Mali?
Especificamente non, pero xa estamos coa vista posta niso.
Están tamén ás portas da nova operación Centinela Gallego. Está todo listo?
Está practicamente todo listo, estamos xa co último, que é o mantemento dos vehículos, que é importante para poder acometer todas as patrullas, pero está todo en macha e vai todo de acordo ao previsto.
Pódenos desvelar se haberá algunha novidade con respecto a anos anteriores?
Vai haber un pequeno reforzo, dúas patrullas máis que outros anos. Será no nivel medio, no que empezamos. Haberá medio, alto e moi alto e empezamos polo medio.
"Especificamente non empezamos a prepararnos para Afganistán e Mali, pero xa estamos coa vista posta niso"
Xusto este ano cúmprense 10 desta operación tal e como está concibida na actualidade. Cal é o seu balance?
Do que puiden ver, o balance vai ser moi positivo. Á parte de que a xente percibe a seguridade, baixaron tamén un pouco o nivel dos incendios. Aínda que o ano pasado foi un pouco paso atrás en todo isto, hai anos mellores e outros peores, pero en xeral baixou. E, sobre todo, non sabemos o que se puido evitar.
Coa que está a caer cos incendios en toda a Península, quizais debería estenderse este tipo de colaboracións a outras comunidades?
Non se que outro tipo de colaboracións leva noutras comunidades, pero esta é a máis importante. Tamén a masa forestal que ten Galicia é tamén a máis importante. A nosa misión principal é a prevención e, se detectamos un incendio ou persoal sospeitoso, damos a alerta temperá e avisamos ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Esa é a nosa misión: vixilancia.
Toda a sociedade avanza en materia de igualdade, pero parece que o Exército se ha quedado estancado nesta materia. Cando veremos un mando muller na Brilat? E unha muller xeneral xefe?
Xa queda pouco. As mulleres están no Exército hai 30 anos, pois, por paso normal da carreira, xa queda pouquiño para que teñamos as primeiras mulleres xenerais e aquí na Brilat se cadra toca algunha. Non o sei, pero xa queda moi pouco. Eu creo que xa é cuestión de poucos anos que teñamos unha muller xeneral.
Cal é exactamente a cantidade e a porcentaxe de mulleres que hai na Brigada?
Temos agora mesmo aproximadamente un 11%, que creo que é similar ao doutras unidades. Aquí principalmente as que hai son oficiais que levan moitos anos, pero oficiais que poidan chegar a xeneral... as que hai son moi novas. Pero algún día serán xenerais.
Falando de adaptación, Que tal a súa en Pontevedra?
Fenomenal, magnífico, moi ben moi ben moi ben. Tanto eu como a miña familia estamos aquí encantados. A verdade é que non se se foi coincidencia ou que tiven sorte, pero desde que cheguei non fixo máis que bo tempo, case non choveu. Dixen eu: isto é un mito, en Galicia non chove. A verdade é que ata o tempo nos acompañou, isto é, que moi contento.
Vostede coñeceu Pontevedra hai moitos anos.
Estiven no ano 1998 de prácticas de Estado Maior un mes aquí, cos nenos pequenos. Coñecía a cidade un pouquiño, pero pouco, pero a verdade é que agora moi contentos.
Relacionadas:
-
O xeneral xefe da Brilat, membro de honra dos Mareantes
Por Mónica Patxot |
-
Máis de 240.000 quilómetros percorridos e 81 avisos, balance do primeiro mes da loita da Brilat contra os incendios
Por Redacción |
-
A Brilat empeza a concretar as súas próximas misións: serán Mali e Líbano simultáneas en novembro de 2018
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O novo xeneral da Brilat destaca o "buen clima" de colaboración co Concello
Por Alejandro Espiño |
-
O ex xefe da Lexión Antonio Romero substituirá ao xeneral Cebrián á fronte da Brilat
Por Natalia Puga | Creada e actualizada