O orgullo LGTBI en Pontevedra, a ritmo do FLOP Festival
Por Redacción
O balcón do Concello de Pontevedra e, por vez primeira, tamén o da Deputación izarán a partir deste mércores 28 de xuño a bandeira multicolor, para celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBI. Será o inicio dunha ampla programación lúdica e cultural coa que se pretende visibilizar e normalizar a diversidade sexual do noso país.
Ao xa consolidado Festival FLOP de música electrónica, que cumpre a súa terceira edición e que se desenvolverá o 8 de xullo no parque dos Gafos, este ano engádese un ciclo de cinema LGTBI na rúa -do 3 ao 7 de xullo- e unha xornada literario-musical na Casa da Luz.
Así o anunciou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación deste programa.
Xunto co izado da bandeira no Concello, que contará cun formato sorpresa, o primeiro día da programación contará tamén coa presentación, ás 20.30 horas na Casa da Luz, da obra 22 segundos de Eva Mejuto, a primeira obra de narrativa galega que trata a transexualidade no ámbito infantil e xuvenil. Contará co acompañamento musical do grupo Canela Cafuné.
A Praza da Pedreira acollerá, do 3 ao 7 de xullo - ás 22.30 horas-, un ciclo de cinema ao aire libre cunha selección das mellores e máis recentes producións cinematográficas LGTBI a nivel internacional e unha selección de curtametraxes do Estado que representan diversas visións do colectivo.
Luns 3 de xullo: A escondidas (Mikel Rueda). Euskadi, 2014.
Martes 4 de xullo: La chica danesa (Tom Hooper). Estados Unidos, 2015
Mércores 5 de xullo: Un amor de verano (Catherine Corsini). Francia, 2015
Xoves 6 de xullo: Pride (Matthew Wachus). Gran Bretaña, 2014
Venres 7 de xullo: Sesión Curtas con No soy él (Sandra Guedev), Sexo, drogas y tú (Antonio Hernández Centeno), Yo también (Sonia Sebastián), La evidencia (Juan Flahn), Alto riesgo (Juan Flahn), In the Wall (Afioco) e Amor )Jairo Moreno).
Ademais das proxeccións, o venres 7 de xullo, ás 20,30 horas na Casa da Luz, terá lugar o faladoiro Cinema Diverso, unha conversa cos creadores audiovisuais Antonio Hernández Centeno, Reyes Velayos e Jairo Moreno.
O FLOP Festival celebrarase o sábado 8 de xullo no Parque dos Gafos, e continuando coa liña emprendida en anos anteriores, ofrecerá doce horas de música -de 12.00 a 23.59 horas-, gastronomía, e actividades dirixidas a todas as idades.
No apartado musical, FLOP Festival presenta unha nutrida representación de DJs locais e internacionais, destacando a presenza da DJ e produtora coreana Peggy Gou, unha das selectoras musicais máis activas e demandadas actualmente na escena de clubs a nivel mundial.
Xunto a Peggy Gou, estarán o madrileño Jackwasfaster e o produtor e DJ asturiano Kresy, recoñecido polas súas publicacións en numerosos selos internacionais e actuacións nos mellores clubs europeos. Entre os artistas galegos, estarán dúo galaico-berciano Certain People (Jose González e Manuel Gómez), o nigranés Viktor Flores ou Grobas, un dos DJs e produtores galegos máis recoñecidos.
Do sector máis novo do mundo DJ estarán Electric Feels de Vigo, novas promesas da produción musical. De Marín virá Fon Kid, responsable do programa de radio e as festas Under the Ball. Desde Ourense chegará Dial Combo (trío de DJs formado por Mou, You O e Psychodandy), grandes axitadores da escena musical da cidade, e os pontevedreses Moreno Moreno, Chech ou JC.
As 12 horas de evento diúrno no Parque dos Gafos terán continuidade pola noite, cunha festa de peche que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O FLOP Festival enche de música e bo ambiente o parque dos Gafos
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A bandeira multicor ondea en Pontevedra para conmemorar o Orgullo LGTBI
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Flop chega aos centros educativos para promover o respecto cara sexualidades diversas
Por Redacción |
-
O FLOP colorea o Parque do Gafos con son, natureza, orgullo e liberdade
Por Diego Torrado |