Búscanse solucións ao levamentamento de pavimento na rúa Rey Daviña de Vilagarcía
Por Redacción
Os técnicos autores e directores das obras de peonalización da rúa Rey Daviña e aos do seu contorno, inauguradas o 12 de febreiro de 2012, realizarán unha memoria cos problemas detectados dende entonces e coas propostas para corrixilos e especificación dos prazos de execución, todo encamiñado a por fin ao levantamento da pavimentación que se sucede dende hai máis dun ano en distintos puntos da rúa.
Así se decidiu nunha reunión que, a instancias do alcalde, se celebrou este xoves e á que asistiron os responsables da empresa Hordescón, SL, adxudicataria das obras, os técnicos autores e directores do proxecto e o concelleiro de Obras, Jesús Longa. A intención do goberno local é, pois, atopar unha solución global aos problemas que orixina o levantamento da pavimentación en determinadas zonas, máis alá dos "parcheos" que se poidan realizar en determinados momentos e en áreas máis afectadas, por exemplo, polo paso de vehículos.
Segundo informou o Concello de Vilagarcía, a disposición da empresa e dos técnicos a colaborar é total, de xeito que na memoria se establecerán tamén aqueles aspectos nos que poderían intervir os propios operarios municipais. Tan pronto como se coñeza esa memoria, empresa, técnicos e Concello planificarán a orde de actuación.
As obras de peonalización de Rey Daviña foron financiadas a través do primeiro Plan E do Goberno Estatal. Baixo o título de "Reforma e Humanización de Rey Daviña e as rúas do seu contorno" e cun orzamento de 1.156.560 euros, a empresa Hordescon, S.L., adxudicataria das obras, executou o proxecto que afectou ás rúas Rey Daviña, Romero Ortiz, Méndez Núñez e Juan Francisco Fontán.
Os traballos consistiron basicamente na reposición de solados, con pedra de distintos tamaños e texturas, na instalación de novas luminarias, bancos e demais elementos de mobiliario urbano de deseño moderno á vez que acorde co entorno histórico, e na plantación de especies arbóreas e arbustivas que teñen como denominador común o seu carácter aromático.
O Concello recorda que as obras cumpriron co obxectivo de dinamizar social e económicamente as zonas, como proba as obras de rehabilitación de edificios e a apertura de comercios, algúns pertencentes a grandes cadeas, que se levaron e levan a cabo dende hai tres anos, cando esas obras se abriron ao público.