A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O xuízo contra os acusados de tentar introducir nas costas galegas un alixo de 3.500 quilos de cocaína que acabaron fondeados e coa planadora que os transportaba ardendo na praia da Lanzada encara xa a súa recta final tras oito sesións na Audiencia Provincial de Pontevedra. Este venres ás 10.15 horas retomarase coa que previsiblemente será xa a última sesión, novena da vista oral, e con dúas persoas menos no banco das que comezaron o xuízo o pasado maio.
Tras varias semanas de descanso, o xuízo retomouse este mércores 21 coas conclusións das partes e o informe final do fiscal do caso, Pablo Varela, que optou por retirar a acusación contra dous dos 13 acusados iniciais que sentaron no banco. Trátase de Victor Manuel Rodríguez e Manuel Nogueira García, que este xoves xa non estaban sentados na sala.
O resto dos procesados pola rede presuntamente liderada por Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido polo sobrenome do Mulo, seguen acusados e o fiscal pide para todos unha condena total de 80 anos de prisión e o pago de multas por un valor de 2.318 millóns de euros, un terzo da pena á que se enfrontaban inicialmente, 214 anos de prisión e 8.400 millóns de multa, que Pablo Varela reduciu ao ter en conta a confesión dalgúns deles e as dilacións indebidas.
A todos os procesados considéralles autores de dous delitos, tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal. No caso de Bugallo Piñeiro, a condena que solicita é de nove anos, catro meses e 20 días e o pago de dúas multas de 150 millóns de euros.
Hai outro grupo de catro acusados aos que pide 7 anos e nove meses e dúas multas de 130 millóns para cada un. Trátase de José Antonio Búa Padín, Luís Miguel Fajardo Vázquez, Fernando Rafael Prado Rey e José Luis Devesa. A Gustavo Agudelo Castro, Fernando Bugallo Varela e Fredy Wily Curmilluni pídelles 11 anos e un día de prisión e dúas multas de 130 millóns. Para os restantes, José Manuel Dominguez Gago, José Luis Martínez e Vicente Piñeiro Soliño, a pena solicitada é de dous anos e nove meses de cárcere e dúas multas de 33 millóns.
O xuízo retomouse este xoves cos informes finais de boa parte dos avogados defensores e dous protagonistas centrais: a carta escrita polo Mulo na que confesa os feitos e salpica a gran parte dos procesados e as dilacións indebidas que se produciron neste procedemento, que se remonta ao ano 2008.
O fiscal do caso restou importancia este mércores á transcendencia da carta de Rafael Bugallo, alegando que "non implica que todo o que se di sexa verdade" e que se obvia a parte dos procesados. Este xoves, Víctor Bouzas, avogado dun dos acusados que segue no banco, destacou que a carta ten unha letra moi coidada, pero faltas de ortografía e que, curiosamente, tras a mesma, acusouse con menos contundencia ao resto da familia do Mulo. Este letrado, ademais, insiste en que as dilacións deben considerarse unha circunstancia atenuante da responsabilidade criminal moi cualificada.
Relacionadas:
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |
-
O fiscal solicita unha pena de 24 anos de prisión para 'O Mulo' polo alixo de cocaína do Coral I
Por Diego Espiño |