O BNG pide a dimisión de Feijóo, Rajoy e De Guindos ante o "expolio" da quita aprobada polo FROB
Por Natalia Puga
Xavier Vence realizou esta sábado 23 de marzo o seu primeiro acto oficial en Pontevedra logo de ser elixido voceiro portavoz nacional do BNG en sustitución do pontevedrés Guillerme Vázquez e quixo facelo coincidir co seu respaldo aos afectados pola comercialización de participacións preferentes e obrigacións subordinadas. Acudiu á cidade do Lérez ao día seguinte de que se coñecera a quita que o FROB aplicará aos posuidores estes produtos financieiros tóxicos e amosou o seu rexeitamente á medida como "un golpe democrático ao pobo".
Vence participou acompañado doutros líderes do BNG como Francisco Jorquera, Miguel Anxo Fernández Lores ou Luciano Sobral na manifestación convocada polos afectados coincidindo coa celebración do Congreso Provincial do PP trasladado no último mometo para Silleda e pediu a dimisión dos presidentes da Xunta de Galicia e do Goberno central, Aberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy e do ministro de Economía, Luis De Guindos, ante "o estado de excepción económica e democrática" que supón a quita ás preferentes e participacións subordinadas.
O voceiro nacional dos nacionalistas amosou o rexeitamento "máis rotundo" do BNG a este "saqueo e expolio" que supón a aplicación da quita e valorou que "é un abuso de poder, é un ejercicio de violencia do Estado contra os aforradores e merece que os gobernantes sexan retirados do poder".
Criticou que unha decisión de tal gravidade non pasara por ningún debate parlamentar e fora imposta a través dun decreto lei. Por iso insistiu en esixir a dimisión dos responsábeis do saqueo, máxime cando tanto Feijóo como Rajoy "incumpriron, de xeito flagrante, todas as promesas dirixidas ás persoas estafadas pola fraude das preferentes". Aludiu, tamén, ao engano reiterado tanto do presidente da Xunta de Galiza como do Goberno central, que demostran camiñar da man da "banca especulativa e depredadora" e non do pobo.
Na protesta non faltaron concelleiros do BNG en Pontevedra como Demetrio Gómez, Raimundo González, Anxos Riveiro ou Carmen Fouces ou o deputado Bieito Lobeira. Respaldados por todos eles reiterou o apoio da formación frontista ás máis de 62.000 familias afogadas por esta fraude e anunciou que o BNG defenderá na rúa e nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros. Para o BNG a única solución pasa pola devolución íntegra dos cartos, en liquidez, e non en produtos financeiros.