Lores pide a empresarios galegos en Madrid que "volvan a facer negocios na súa terra"
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mediodía un xantar de traballo coa Asociación de empresarios galegos en Madrid (Aegama), durante o que analizou con eles os detalles do modelo urbano pontevedrés.
Ao encontro asistiron galegos ou fillos de galegos residentes en Madrid con posto de responsabilidade en diversas empresas como o Banco Santander, a Banca Popular, APE Galicia, Grupo Femxa, Abaco Construcción, Fundación SVSC, Fama Systems, Novus Innovación Digital, Rosado Abogados, Auren, CPV global, Soundub ou FCC.
No xantar, que durou preto de tres horas, tamén estiveron o presidente de Aegama, Julio Lage, e o presidente da ONCE, Miguel Carballeda.
Logo dunha exposición do modelo de cidade e de reivindicar a política con maiúsculas como factor básico para a transformación das cousas, o alcade someteuse a unha rolda de preguntas dos asistentes arrancando por "por que é nacionalista?".
"Por amor. E teño claro que este modelo de cidade só o podemos impulsar nós, porque temos un amor real á nosa cidade e ao noso país, e polo tanto temos confianza no futuro, na súa xente, e queremos que sexa un país para traballar nel, no que podemos vivir todos: os que vivimos nel, os que están fóra, e os que queiran vir a colaborar", aclarou Lores.
Neste sentido, o alcalde instou aos empresarios a regresar a Galicia, "a volver a facer negocios na súa terra".
Tamén lle preguntaron polo futuro turístico de Pontevedra que o alcalde centrou no turismo familiar, de grandes eventos deportivos, apoiado nos eventos culturais e festivos que acolle a cidade durante o período estival.
Saíu tamén na conversa a situación de Ence, ante a que Lores sinalou que "Pontevedra é unha cidade emerxente, con futuro e que temos que posicionarnos como están a facer todas as cidades. Pero nos poñen un tapón aí e temos o dereito de recuperar a ría de Pontevedra".
Na tertulia tomou a palabra o presidente da Once, Miguel Carballeda que deixou claro que Pontevedra "ten que buscar entre todos unha alternativa a Celulosas porque estase cargando a ría", dubidou de que se tope unha xestión municipal "comparada ao do Concello de Pontevedra", e concluíu dicindo que "eu estou moi orgulloso da miña cidade".
Pechou a sesión o presidente de Aegama, Julio Lage quen destacou que na súa conversa que "o alcalde dixo moitas verdades" e amosouse esperanzado que outras cidades sigan os pasos de Pontevedra "xa que tedes convertido un lugar como outro calquera, nun espazo mellor e nunha cidade máis humana".
Relacionadas:
-
Mosquera, en Barcelona: "Expulsar ás persoas dos espazos públicos é unha inxustiza"
Por Redacción |
-
Alumnos do postgrao de Socioloxía da Infancia da Universidade de Minho estudan o modelo Pontevedra
Por Redacción |
-
O Senado de México, interesado en Pontevedra para humanizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Representantes do Bloco de Esquerdas buscan en Pontevedra propostas para Braga, Famaliçao e Guimarães
Por Oskar Viéitez |