Moita policía e poucos afectados polas preferentes durante a visita de Ana Pastor ao Sarmiento

Por Anxo Lourido

CC BY-NC-SA PontevedraViva

© Deputación de Pontevedra

CC BY-NC-SA PontevedraViva
Arredor das nove da noite, o coche oficial deixaba á ministra Ana Pastor xusto á entrada do edificio Sarmiento mentres na esquina de Cobián Roffignac un grupo de apenas trinta afectados polas preferentes facían soar as súas bucinas e asubíos. Máis de vinte axentes da Policía Nacional mantiñan un cordón en torno ao edificio museístico para garantir a protección das autoridades. No interior encontrábanse, entre outros, a presidenta do Parlamento autonómico, Pilar Rojo, o presidente da Deputación, Rafael Louzán e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para asistir á presentación do último número da revista Gallegos na que se inclúe un especial sobre a figura do arquitecto Alejandro de la Sota.
O acto desenvolveuse co son de fondo dos cánticos dos afectados. O balbordo levou a que Rafael Louzán no seu discurso se solidarizase coas vítimas da estafa das preferentes pero indicou "teñen que saber que a actividade diaria dunha institución se ten que desenvolver con absoluta normalidade. E vaise desenvolver con absoluta normalidade". Na súa intervención, a ministra Ana Pastor só fixo unha referencia á situación actual: "solo los valientes salen adelante en las dificultades".
Mentres isto sucedía no interior, na rúa os afectados entoaban cánticos con letras como "non pararemos ata que cobremos e pola quita non pasaremos". Os manifestantes, coñecedores xa de que os seus títulos de NovaGalicia Banco perderán o 43% do investimento realizado, decidiron quedar agardando ao final do acto na Vide ao berro de "Non temos présa".
Preto das 10:30 da noite, os vehiculos oficiais nos que viaxaban as principais autoridades, entre elas a ministra Ana Pastor, abandonaban o Museo. Os axentes da policía formaron un amplo cordón de protección ao longo da Travesía Padre Amoedo. Foi entón cando se produciu o maior momento de tensión da noite. Dúas das afectadas nun evidente estado de nerviosismo increparon os axentes e intentaron avalanzarse contra os vehículos sen lograr superar a muralla policial mentres berraban: "Ladróns, que sodes uns ladróns. Onde está a xustiza?". Ambas as dúas foron calmadas por outros manifestantes e en apenas uns minutos a policía abandonou o lugar mentres os afectados organizaban os actos de protesta previstos para este sábado 23.