Rocío de Sinde, nova número 2 do PP provincial en substitución de Begoña Estévez
Por Redacción
A renovación anunciada por Rafael Louzán no Partido Popular de Pontevedra comezará na súa secretaría xeral. Rocío de Sinde Penas será a nova número dous dos populares pontevedreses. O seu nomeamento producirase no marco do XVI Congreso que se celebra este sábado no Auditorio da Semana Verde de Silleda. Substituirá no cargo a Begoña Estévez, que deixa o seu posto por motivos persoais.
A actual secretaria xeral recoñece que "foi unha decisión moi difícil" pero que necesaria, dado que as súas circunstancias persoais e familiares lle fan imposible compatibilizar a vida familiar coas súas responsabilidades como deputada provincial e secretaria xeral do partido. Neste sentido, incide en que o partido require moita dedicación e "nestes momentos non estou en condicións de dedicarllo".
Tras anunciarse esta renuncia, Rafael Louzán agradeceulle a Begoña Estévez a súa profunda implicación en todos estes anos e cualificou de "sobresaínte o traballo, entrega e dedicación" demostrada en todo este tempo. Unha labor na que, segundo o presidente provincial e candidato á reelección, destacan "a capacidade de traballo, profesionalidade e responsabilidade".
A chegada de Rocío de Sinde á secretaría xeral do Partido Popular ten que ver coa anunciada renovación da súa executiva. O presidente provincial indicou que, unha vez máis, "volvemos ensanchar e abrir o partido, incorporando a persoas novas, que nunca antes tiveran responsabilidade na vida pública do partido".
A nova secretaria xeral, natural de Pontevedra, en onde reside desde o seu nacemento en 1978, é Graduada en Dirección e Xestión Pública, formación que ampliou con numerosos cursos de especialización en materias relacionadas coa administración local, o protocolo, as responsabilidades públicas, o procedemento administrativo e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión pública.