Rouba unha maleta e pásase a noite enchéndoa de obxectos substraídos de catro turismos
Por Natalia Puga
Eran as 5.00 horas da madrugada deste xoves 21 de marzo cando axentes da Policía Nacional que realizaban labores de prevención da seguridade cidadá se encontraron nunha rúa de Pontevedra unha imaxe pouco habitual: un menor de idade carrexando unha maleta con rodas, con rabuños nas mans e sangue na chaqueta.
Os policías déronlle o alto e quixeron identificalo, pero carecía de documentación que acreditase a súa identidade, de modo que foi trasladado a dependencias policiais. Alí abriuse a maleta e o menor non puido acreditar a propiedade dos obxectos que levaba nela. Finalmente rematou detido como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior de catro vehículos. Resultou ser un menor veciño de Pontevedra, aínda que natural de Romanía, que xa tiña antecedentes policiais.
As indagacións realizadas polos axentes permitiron localizar a 15 metros do lugar no que encontraron o menor dous vehículos danados, coas lúas traseiras fracturadas, e no chan ao lado dun deles varias pezas de muller.
Tras localizar os propietarios dos vehículos danados, a propietaria do primeiro coche recoñeceu como seus a maleta que portaba o detido, así como as botellas de licor que había no interior e as pezas de roupa tiradas no chan.
Un menor foi localizado ás 5.00 horas da madrugada pola rúa con rabuños nas mans e sangue na chaqueta
Posteriormente localizouse o propietario do segundo vehículo danado que recoñeceu como seus un chaleco reflectante; un coxín cervical; un xogo de triángulos; unha mochila con ferramentas; e unha bolsa cun medidor de presión, un GPS, dous cargadores, un dispositivo de tele peaxe, un desaparafusador, un xogo de chaves, un mapa de estradas, un xogo de pinzas de alimentación do vehículo, unha manta, unha corda de remolque, un xogo de luces de recambio e unha portada de CD. Todo iso levábao o menor na maleta e está valorado nuns 1.000 euros.
Ao día seguinte presentáronse na Comisaría os propietarios doutros dous vehículos danados nas proximidades. O interior dun deles estaba todo revolto, pero a súa propietaria non botou nada en falta. Ao segundo afectado subtraéronlle un xogo de triángulos e un GPS cos seus cables.
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o menor foi posto en liberdade, entregándollo ao seu proxenitor non sen antes ser advertido da obriga de comparecer ante a Autoridade xudicial cando sexa requirido.