O goberno provincial destina fondos para Vilaboa e O Grove
Por Redacción
O goberno provincial que preside Carmela Silva aprobou este venres novas achegas do Plan Concellos para diversas actividades e facer fronte a diversos gastos corrente e ao pago de acredores en dous concellos da provincia, Vilaboa e O Grove.
En rolda de prensa Carmela Silva informou que a axuda aprobada para Vilaboa ascende ata os 74.373,46 euros e servirá para o pago de acredores de gasto corrente.
O Grove recibirá 2.000 euros destinados á posta en marcha dun programa de dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero, unha iniciativa dirixida ás mulleres e que se desenvolverá en varias sesións nas que, a través dun traballo en grupo, profundarase en conceptos como a saúde integral das mulleres ou en como xestionar os malestares e problemas comúns, así como a toma de conciencia sobre as violencias, as súas causas e consecuencias.