Agullas, la e a tecer á Oliva!
Por Mónica Patxot & Redacción
Agullas, la e afección pola calceta. Eran as tres características que compartían este xoves as preto de 60 persoas que se sumaron á quinta edición do Encontro de Calceta na rúa organizado nas galerías da rúa Oliva para reivindicar esta actividade, compartir trucos e risas e demostrar que a calceta está de moda.
Sentadas en cadeiras e mesas cedidas polo Concello de Pontevedra e todas cun mesmo obsequio entregado polos organizadores, as preto de 60 persoas que se sumaron á iniciativa demostraron que a calceta está de moda en Pontevedra do mesmo xeito que en todo o mundo e que, nin moito menos, é unha afección que poida circunscribirse ao ámbito privado ou as persoas de maior idade.
Mónica Pérez García, xerente da tenda organizadora do evento, Lanas Teresa Tobío, mostrou a súa satisfacción polo éxito desta quinta edición. O primeiro encontro que organizaron reunira nas galerías da Oliva unha decena de persoas e, cinco anos despois, o crecemento foi exponencial e, ademais, reuniu a persoas chegadas de Pontevedra e doutros concellos veciños como Marín ou Vigo.
Entre quen acudiu ao encontro había persoas de todas as idades, fundamentalmente mulleres. A maioría son clientes da tenda organizadora, pero tamén outras afeccionadas a tecer e grupos que adoitan acudir a clases de calcelta que esta semana cambiaron o seu día de clase e sumáronse á cita para calcetar en compañía na rúa.
Este encontro de calceta organízase con motivo do Día Mundial de Tecer en Público organizado a nivel global cada primeira quincena de xuño para citar a persoas que tezan xuntas o mesmo día nun lugar público. O obxectivo é sacar as agullas á rúa e mostrar ao mundo que tecer non só cousa de avoas. Segundo explica Mónica Pérez, hai afeccionadas novas e tamén está a deixar de ser unha actividade só practicada por mulleres e empezan a animarse homes.
"Eso de que la calceta es de abuelas es un tópico" e este xoves quedou claro nas galerías.
Relacionadas:
-
As galerías da Oliva resisten a ritmo de calceta e ganchillo
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Trucos de calceta con selo pontevedrés para vestir bebés de Francia, México ou os países nórdicos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sete anos tecendo en público: a calceta está de moda
Por Redacción |
-
O club da calceta reúnese na Oliva
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |