Quirónsalud Miguel Domínguez aplicará cirurxía para reducir o estómago con técnicas minimamente invasivas
Por Redacción
O Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez desenvolveu unha nova unidade para o tratamento da obesidade desde unha perspectiva multidisciplinar, na que a cirurxía se complementa con apoio psiquiátrico e control nutricional, durante un ano. O obxectivo é reducir a mortalidade ligada á obesidade grave, o control de enfermidades asociadas e mellorar a calidade de vida do paciente.
A Unidade de Cirurxía Metabólica e da Obesidade realizará cirurxía bariátrica (ou da obesidade) e metabólica mediante laparoscopia aplicando os protocolos e técnicas para a recuperación intensificada dos pacientes cirúrxicos. Entre as técnicas, cabe destacar a gastrectomía vertical ou tamén coñecida como "tubo gástrico", que consiste en reducir o estómago dándolle forma tubular, o que minimiza significativamente o volume da inxesta e a sensación de fame.
A perda de peso máis importante prodúcese durante os primeiros 6 meses, pero prolóngase ata o ano ou ano e medio da intervención, momento no que se estabiliza o peso. O seguimento postoperatorio é fundamental para manter esta perda de peso no tempo e evitar a "reganancia" de peso.
A Unidade de Cirurxía Metabólica e da Obesidade contará coa experiencia do cirurxián Jesús Sánchez Nebra e a psiquiatra Tania Branco Pena. Realizarán unha valoración individual, xa que a cirurxía bariátrica está indicada para pacientes con obesidades mórbidas (índice de masa corporal superior a 40 kg/m2) ou con obesidade grave e patoloxías asociadas tales como a diabetes, hipertensión arterial e as apneas do sono.