Tallan as árbores que poñían en perigo a circulación da PO-308 en Baltar
Por Redacción
Operarios da Xunta de Galicia tallaron ao longo da mañá de arboredo situado na beiravía e os terreos contiguos á estrada PO-308 ao seu paso por Baltar, en Sanxenxo, ao supoñer un perigo para os usuarios da vía.
A tarefa responde a uan petición realizada polo concelleiro de Medio de Sanxenxo, José Luis Rodríguez, ante o Servizo Provincial de Estradas. Tal e como sinalou o edil, a solicitude presentada no seu momento incluía a poda de exemplares en Areas, que xa foi acometida no seu día, e tamén en Baltar, que foi postergada debido ás dificultades que entrañaba.
Tras reiterar en diversas ocasións José Luis Rodríguez ante a Administración autonómica a necesidade de executar esta actuación, esta mañá os operarios da Xunta de Galicia procederon a tallar as árbores situadas sobre a estrada en Baltar, contando ademais coa colaboración do persoal adscrito á área municipal de Servicios, que se encargou de retirar o cableado da zona.
O edil delegado de Medio recordou que o arboredo "non pode invadir nin vías nin espazos públicos por cuestión de seguridade, salubridade e ornato, polo que dende este Concellería requiriuse a numerosos particulares a tala ou poda das árbores que sobresaen das súas propiedades e isto é algo que tamén debemos cumprir as Administracións".