Deteñen un home por maltrato animal ao atoparlle na súa leira 15 cans en situación deplorable
Por Redacción
A Garda Civil detivo a I.G.A., de 42 anos, veciño de Soutomaior, acusado dun delito continuado de malos tratos animais despois de que se atopasen na súa propiedade varios cans nun estado lamentable.
As investigacións iniciáronse o día 30 de maio cando unha patrulla do Seprona da Garda Civil detectaba a un número considerable de cans deambulando polas proximidades dunha vivenda deshabitada na aldea de Lourido no Concello de Soutomaior. A maior parte dos animais presentaban feridas sanguentas, con problemas de pel e signos evidentes de desnutrición.
Os servizos veterinarios da Xunta de Galicia achegáronse ata a zona para realizar un control exhaustivo da zona co obxecto de proceder á identificación dos animais e avaliar o seu estado. Os resultados foron preocupantes, segundo informa a Garda Civil. Localizáronse 15 cans nunha situación deplorable, tanto polo seu estado de desnutrición como pola falta das máis elementais condicións hixiénico sanitarias.
A maior parte dos animais presentaban feridas e problemas dermatológicos pola ausencia de coidados veterinarios que derivaron nunha situación de dor e sufrimento evidentes na maior parte dos cans. Nunha estancia da casa atopouse a un can totalmente desnutrido, que falecera recentemente. Nunha canceira contigua localizáronse os cadáveres doutros dous cans en proceso de descomposición.
Ante esta situación, decidiuse rescatar a todos os animais, como medida cautelar. Foron retirados por persoal da delegación provincial do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e entregados no Centro de Acollida e Protección (CAAN) da Deputación Provincial, situado en Meis.
O propietario dos animais quedou en liberdade coa obrigación de comparecer, cando sexa citado, ante o xulgado de instrución de garda de Redondela.
Relacionadas:
-
Un atropelo e catro operacións despois, Paloma atopa un novo fogar
Por Diego Espiño |
-
Sacrifican un cabalo que o seu dono tiña desnutrido e moribundo nun cortello de Barro
Por Redacción |
-
A canceira provincial atende unha media anual de 50 animais maltratados
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan unha egua con síntomas de malos tratos e desnutrición en Armenteira
Por Redacción |