Alertan do perigo contaminante de novas explotacións mineiras na provincia pola falta de regulación
Por Anxo Lourido
Catro colectivos galegos asinaron un documento no que reclaman á Xunta de Galicia que garanta o uso racional dos recursos xeolóxicos de forma que non se comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas.
Segundo indicaron durante unha rolda de prensa na que estaban representados Adega, o sindicato CIG e as Comunidades de Montes de Galicia, "a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais". Por iso, Fins Eirexas de Adega afirmou que "queremos solicitarlle á administración que elaboren un plan sectorial da minería que evite danos aos espazos naturais" e, nese sentido, Anxo Pérez da CIG sinalou que nesta época de crise "hai que facer que sexa compatible o traballo co bo uso do patrimonio natural".
Segundo explicou o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, este tema ""preocupa en case toda Galicia porque abarca todo o rural galego. Na zona de Pontevedra hai intentos de extracción de minerais raros no Morrazo, en Vilaboa o en Marín e wolfram en Sanxenxo, tamén está Campo Lameiro. Toda Galicia pode estar exposta a unha explotación salvaxe".
Sinalaron que a comunidade galega é un lugar moi atractivo para as multinacionais polas opcións que ten para extraer litio e outros minerais relacionados para a elaboración de material tecnolóxico.