Pontevedra e Poio non se poñen de acordo no deslinde e será a Xunta quen decida
Por Alejandro Espiño
Non houbo sorpresas na reunión sobre o deslinde entre Pontevedra e Poio. Malia que ambos concellos cualificaron como "cordial" este encontro, insistindo que non hai ningún enfrontamento, Pontevedra e Poio ratificáronse nos seus respectivos posicionamentos. Agora, tras ser aprobado polos plenos municipais, será a Xunta de Galicia quen decida sobre os terreos en disputa, un ditame que podería demorarse bastante tempo.
A maior discrepancia céntrase nunhas oito hectáreas na contorna da Xunqueira de Alba que ambos municipios reclaman como súas e que afectaría aos terreos que ocupan, entre outros, a comandancia da Garda Civil, o parque de Bombeiros de Pontevedra, unha empresa cementeira e a avenida de Domingo Fontán ata a Ponte das Correntes. Trátase dun espazo que é irrenunciable tanto para Pontevedra como Poio.
O resto da disputa de lindes, outras 20 hectáreas máis, sería na zona norte do límite entre ambos municipios, no seu maior parte monte comunal de San Salvador de Poio, San Xoan de Poio e Campañó. En toda esta área apenas hai conflito, xa que a coincidencia é prácticamente total. De feito, segundo o concelleiro de Patrimonio de Pontevedra, Vicente García Legísima, "se fora só pola parte alta do monte, non habería problema ningún".
Unha das principais curiosidades é que entre todos os afectados particulares, uns 200 segundo calculan ambas partes, tan só veríase afectada unha vivenda. O resto serían leiras rústicas e monte comunal. A súa propietaria non saía do seu asombro. Nin Pontevedra nin Poio nos seus respectivos deslindes inclúen a casa no seu municipio. Cos límites actuais está incluída en Pontevedra. Ela tómao de broma. "Pues si no me quiere nadie, no pagaré mis impuestos".
Desde o Concello de Poio, que defende o deslinde acordado no ano 1889, o seu alcalde, Luciano Sobral, explicou que "houbera sido preferible chegar a un acordo de consenso", e aclarou que a Xunta tan só deberá decidir naqueles puntos do deslinde onde non houbo consenso, fundamentalmente na zona da Xunqueira de Alba antes mencionada. Poio chegou a propoñer unha solución intermedia, que toda a Ponte das Correntes quedase en Pontevedra, pero o concello capitalino non aceptou.
Pola súa banda, Pontevedra recoñece finalmente tamén o deslinde de 1889, pero só na parte norte. Con respecto á Xunqueira de Alba, cuxo límite quedaba marcado polo actual río Rons, hai unha modificación substancial. O Concello cre que os recheos realizados na zona modificaron o curso tanto deste río como do Lérez e que o máis lóxico é marcar o linde no antigo traxecto do ferrocarril a Vilagarcía.
A postura do Concello de Pontevedra, segundo García Legísima, é "unánime", malia que o Partido Popular de Pontevedra fose o único membro de ambas comisións que non asistiu á reunión. Alegaron que non querían ser "convidados de pedra", pero o edil nacionalista lamentou a súa ausencia xa que "non é algo que sexa do goberno local, senón de todo o concello", e explicou que como os demais membros da comisión "tiñan voz e voto".
En todo caso, o deslinde entre Pontevedra e Poio non está próximo a solucionarse. Se a decisión da Xunta, que podería demorarse bastante tempo, non satisfai a ambas partes, algo previsible tendo en conta os informes de ambos municipios, cabe a vía de recorrer á vía xudicial. "Nos recurriremos se non nos dan a razón e supoño que Pontevedra tamén", recoñecía o alcalde de Poio, o que atrasará durante anos a solución definitiva.
Sexa como sexa, mentres a Xunta de Galicia non decida, todo este espazo queda fóra de ordenación e ningún dos dous concellos poden incluílo nos seus respectivos PXOM.
Relacionadas:
-
O PP toma posesión dos terreos da Xunqueira de Alba e reclama o servizo dos Bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra e Poio negociarán o xoves os seus lindes, sen apenas posibilidades de chegar a acordo
Por Alejandro Espiño |
-
Poio propón que a Ponte das Correntes se tome como linde con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Poio sae á rúa para esixir a Pontevedra "que aclaren dunha vez por todas" que deslinde propoñen
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Pontevedra recoñece contradicións co PP de Poio no debate sobre os límites
Por Redacción |
-
Pendentes dun informe técnico para pechar os deslindes co Concello de Poio
Por Redacción |
-
Pontevedra asegura que non hai "conflito nin enfrontamento" con Poio polo deslinde entre ambos concellos
Por Alejandro Espiño |