Unha gala hollywoodense para os alumnos do Carlos Oroza
Por Redacción
Esta semana, o alumnado dos Ciclos Superiores de Xestión de Aloxamentos Turísticos e de Guía, Información e Asistencia Turística do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), dirixéronse cara a comarca lucense de Terras de Lemos para celebrar a primeira Gala Oroza Music Award's 2013.
Máis de 90 alumnos pernoctaron no Hotel Balneario Augas Santas de Ferreira de Pantón, no que estes futuros profesionais do sector turístico, ademáis de desfrutar a experiencia dende a pel do cliente (aloxamento, almorzo buffet, iniciación ó golf, desfrute das instalacións balnoterápicas, etc.), levaron a cabo prácticas nos distintos departamentos do hotel (Recepción, Eventos e mesmo traballando man con man cos camareiros).
A actividade estelar, foi a posta en escea do evento Oroza Music Award's 2013, organizada no módulo de Protocolo e Relacións Públicas, que consistiu na simulación dunha gala benéfica de entrega de premios da música, para a organización da cal estiveron meses traballando. Contaron con artistas e bandas internacionais que posaron no photocall como auténticas estrelas, e disfrutaron dun aperitivo durante a recepción dos invitados. A entrega de premios tivo un completo programa con monólogos e actuacións musicais incluidas, e o acto culminou cunha cea de Gala na que o alumnado vestiu de etiqueta para tal especial ocasión (esmoquin e vestido cóctel ou largo).
Ademáis estiveron acompañados polo profesorado responsable da súa formación durante os dous últimos anos. As invitacións, minutas, nomes das mesas, panel, photocol, etc.. foron elaborados tematizadamente entorno a imaxe musical.
O obxectivo primordial desta actividade enfocouse a complementar e poñer en práctica tódos os coñecementos e habilidades acadadas durante os dous anos de formación recibidos, e despedir ao alumnado de segundo curso que este ano rematará os seus estudos no devandito centro.
Aproveitando a excelencia das Terras de Lemos, o alumnado visitou, practicando tamén como guías turísticos, os distintos recursos e atractivos turísticos que ofrecen a vila medieval de Monforte, Ferreira de Pantón e o incomparable entorno da Ribeira Sacra.