Bolcotur agarda atraer a Pontevedra a máis de 10.000 persoas e 2.000 profesionais do sector turístico
Por Redacción
A organización da bolsa da contratación turística de Galicia e norte de Portugal, Bolcotur, ten concertadas xa 2.500 entrevistas entre 30 maioristas-touroperadores e 150 hoteleiros. A este evento, que se celebrará no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra os días 17, 18 e 19 de outubro, prevese que asistan unhas 10.000 persoas e máis de 2.000 profesionais.
O Salón do Turismo no que se integra Bolcotur trala súa saída de Ferpalia, contempla dúas actividades. Por unha banda, a bolsa de contratación turística de Galicia e norte de Portugal destinada exclusivamente a profesionais e que ten como finalidade poñer en contacto a oferta do mercado turístico coa demanda que vende Galicia como destino turístico. As 2.500 entrevistas concertadas supoñen o 75% do valor total das contratacións anuais en Galicia.
A segunda parte é o evento dirixido ao público en xeral, e que este ano xirará en torno ao turismo deportivo Trátase, segundo a Deputación de Pontevedra, que patrocina este salón a través de Turismo Rías Baixas, dun espazo expositivo no que se expoñen as posibilidades turísticas de Galicia e se establecen contactos para contribuír a comercializar o valor turístico da nosa comunidade.
"O turismo deportivo ten cada vez máis adeptos en todo o mundo. ÿ un turismo emerxente que comeza a ter unha influencia significativa", aseguran desde a organización de Bolcotur. "Permite promover os atractivos naturais e culturais pero ademais contribúe a desestacionalizar, supón unha importante proxección mediática, impulsa o comercio e o emprego, crea novas infraestruturas, mobiliza persoal e recursos, xera beneficios directos e indirectos, e ten trascendencia económica e social".
Neste Salón do Turismo Deportivo estarán presentes máis de 25 empresas, federacións, clubs e eventos de relevancia turística que se celebran na nosa comunidade, dende a Pantín Classic de Surf, a torneos de golf, regatas de vela, campionatos internacionais de fútbol, baloncesto, tenis de mesa ou tríatlon. Ademais, haberá unhas xornadas técnicas que baixo o título O turismo deportivo, aposta de exito, analizará desde como se organiza un evento deportivo ata a incidencia económica que ten nunha comarca.
Exposición Pontevedra Olímpica
No marco deste salón, tamén se poderá visitar a exposición Pontevedra Olímpica integrada por máis de 50 paneis de gran formato co historial gráfico e escrito dos deportistas pontevedreses que participaron nos Xogos Olímpicos, dende Luís Otero ata David Cal, pasando por Carlos Pérez ou Beatriz Gómez; e habilitarase unha sala de proxeccións onde se poderán visualizar os mellores momentos do ano deportivo 2012.
Relacionadas:
-
Pontevedra perde Bolcotur: tras vinte anos na cidade, a Deputación lévaa para Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
Fotos: Bolcotur abre as súas portas
Por Oskar Viéitez |
-
Bolcotur e a Pontevedra Olímpica
Por Oskar Viéitez |
-
Deputación asumiu Bolcotur "facendo o que debía facer"
Por Oskar Viéitez |
-
Ferpalia en "panos menores" ao perder a Bolsa de Contratación
Por Oskar Viéitez |