Elnosa, a primeira "peza do puzle" que a marcha contra ENCE busca sacar do complexo de Lourizán
A situación actual de Elnosa foi, sen dúbida, a que acaparou toda a atención na marcha anual contra o complexo industrial de Lourizán, organizada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). "É importante que este ano consigamos pechar Elnosa porque detrás iría Ence", asegurou o seu presidente, Antón Masa.
Un ano máis, centos de persoas partiron desde as alamedas de Marín e Pontevedra para xuntarse diante das instalacións de Ence e Elnosa. Alí, uniron as súas voces para esixir que ambas as empresas cesen a súa actividade na ría e que os terreos que ocupan actualmente poidan ser recuperados para a cidadanía.
Antón Masa explicou que a mobilización deste ano céntrase máis en Elnosa que en Ence, xa que a compañía electroquímica "ten que pechar si ou si" o próximo 11 decembro, porque asegura que é "ilegal" que se lle poida autorizar seguir utilizando mercurio no proceso de produción de cloro. "Así o di a Unión Europea en varios comunicados", engadiu.
Neste sentido, avanzou que a APDR "irá pola vía penal" contra aquelas persoas que asinen unha hipotética prórroga a Elnosa "sexan funcionarios, directores xerais ou ministros", ao entender que estarían "prevaricando" se conceden unha moratoria que "de ningún xeito " permite a Unión Europea.
As dúas empresas que ocupan o complexo industrial de Lourizán son, segundo o dirixente ecoloxista, "dúas pezas dun mesmo puzle", polo que asegurou que "non momento en que a ese puzle lle sacas unha peza, as outras quedan sen contido".
Entre os asistentes a esta marcha anual contra Ence e Elnosa atopábanse, entre outros, a tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; a eurodeputada Lidia Senra ou os deputados de En Marea no Parlamento e no Congreso, Luís Villares, Marcos Cal e Ángela Rodríguez.
Da Silva, ante a ausencia do alcalde por motivos persoais, lembrou que a prórroga concedida a Ence foi un "agravio tremendo" por parte do PP, que "frustrou os ancellos" de toda a sociedade pontevedresa que, de forma "maioritaria", desexan ver a ría recuperada a ría.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén acudiu a Pontevedra para mostrar o seu apoio ao que cualificou unha "marcha da dignidade de Galicia" ante a "cacicada" e a "traizón" do Partido Popular á sociedade pontevedresa ao outorgar unha prórroga a Ence ata 2073 "cando estaba a piques de caducar a concesión".
Pontón asegurou que esa decisión demostra que a corrupción "ás veces non só está en B" senón tamén cando se cambian as leis "a medida dos intereses dunha empresa". Ante iso, advertiu, o BNG "seguirá dando a batalla legal, política e cívica" para que Ence e Elnosa abandonen a ría.
Tamén coincide en manterse alerta con Elnosa para a que o PP, dixo, "xa está mirando como facer a mesma trampa que con Ence".
Elnosa, engadiu Ana Pontón, é unha empresa que "incumpre" a lexislación europea e "contamina gravemente" a ría pontevedresa, polo que contra calquera intento para continuar na súa localización, dixo, "estará o BNG, a sociedade de Pontevedra e todos os galegos que queremos que este país sexa algo máis que un residuo de empresas contaminantes".
Relacionadas:
-
Elnosa solicita á Xunta a súa supramunicipalidade para poder continuar en Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
O persoal de Elnosa protesta contra a "violencia institucional" do Concello e o "sátrapa" de Lores
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Antón Masa, un biólogo marcado polas revoltas estudantís do 67
Por Marisa Ciordia |
-
O comité de empresa de Elnosa pide a Ana Ortiz que presione para acelerar a concesión de Costas
Por Anxo Lourido |
-
As familias do persoal de Elnosa van concentrarse ante o Concello o sábado 17 de xuño
Por Anxo Lourido |
-
Os eucaliptos 'toman' A Ferrería para denunciar a "catastrófica" situación do monte galego
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR anuncia accións legais "contra calquera posible prórroga a Elnosa"
Por Oskar Viéitez |
-
O Bloque acusa á Xunta de manter reunións "segredas" con Elnosa para "cociñar a súa permanencia"
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. Galicia insta a Elnosa e ás administracións a adoptar as medidas necesarias para garantir a continuidade en Lourizán
Por Redacción |