A Deputación xestiona xa 8,5 millóns de euros de fondos europeos en cinco proxectos
Por Redacción
Un total de 81 alumnos titulados nun grao medio na provincia de Pontevedra poderán facer prácticas duración seis meses no Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Finlandia e os Países Baixos no marco da nova edición do programa Practicum Depo para a mobilidade de estudantes de formación profesional que acaba de aprobar a Deputación.
A presidenta provincial, Carmela Silva, deu a coñecer este venres esta nova edición do programa e aproveitou para sinalar que con esta nova iniciativa a Deputación xestiona xa 8,5 millóns de euros da Unión Europea en cinco proxectos diferentes.
No caso de Practicum Depo reciben case 900.000 euros para poñer en marcha 93 novas mobilidades neste ano 2017 que permitirán que alumnado e profesorado de 33 centros educativos de formación profesional poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa. 81 serán alumnos.
Estes 900.000 euros súmanse aos 7,6 millóns de euros de inversión na provincia de Pontevedra de fondos europeos que recibían ata agora en catro proxectos distintos, dos que 2,5 millóns son para o proxecto 'IN 4.0', que pretende impulsar a dinamización e competitividade da industria naval da provincia transformando o seu tipo de modelo nun negocio 4.0.
Preto dun millón é para 'Smart Miño', para estratexias de cooperación intelixente no Miño Transfronteirizo; dous millóns para 'Visit Río Minho', para a preservación e valorización do río Miño Transfronteirizo; e 2,1 millóns no programa 'ESTRAEE', un proxecto para impulsar unha estratexia sostible transfronteiriza para a xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos.