Os escolares de Poio aprenderán os diferentes tipos de ameixa e a valorar o labor do marisqueo
Por Anxo Lourido
Que diferenzas hai entre a ameixa fina e a babosa ou a xapónica? Cales son as características do berberecho? Como se extrae este marisco das praias do Concello de Poio? A estas preguntas e a moitas outras máis relacionadas co oficio das mariscadoras serán respondidas a partir do próximo luns 5 aos escolares do municipio dentro do programa Educándonos, que promoven o Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra.
Este venres presentábanse as actividades que se poñerán en marcha cos estudantes de primeiro e segundo de Primaria dos colexios Chancelas, Viñas, Lourido, Isidora Riestra e Espedregada durante a próxima semana con talleres centrados no xogo e que permitirán coñecer detalles sobre unha profesión á que se dedican máis de 200 familias en Poio, tal e como expuxo na presentación Ángela García, presidenta da confraría de San Telmo, que colabora nesta iniciativa xunto á de Raxó.
Raquel Rodríguez, da asociación de tempo libre Lecer, será a encargada de explicar aos pequenos as peculiaridades da ameixa e do berberecho desde que se atopan na praia ata que chegan aos pratos para degustalos. O programa ofrecerase inculcando valores de igualdade e contará con actividades festivas como a elaboración de música utilizando as cunchas.
Os escolares acudirán durante o día 9 á lonxa en Campelo onde se fará unha simulación dunha poxa e trasladarase información sobre o traballo artesanal no mar.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, destacaba a importancia desta proposta para transmitir aos menores o rico vocabulario galego sobre as actividades marítimas. Neste sentido, a concelleira de Educación, Marga Caldas, acompañada polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, afirmou que a intención é que esta iniciativa teña continuidade ao longo do próximo curso escolar para que os nenos poidan ver todo o ciclo produtivo, desde que se sementa ata que se vende na lonxa. Nestas primeiras sesións participarán entre 150 e 200 escolares do municipio.