Felipe VI e Don Juan Carlos celebran a parada naval na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Rey Felipe VI, acompañado polo Rey Juan Carlos, presidiu este venres os actos centrais do 300 aniversario da Real Compañía de Gardamarinas, celebrados na Escola Naval Militar de Marín da que ambos foron alumnos.
Xusto hoxe hai tres anos que Don Juan Carlos anunciou o seu desexo de abdicar cedendo todo o protagonismo ao seu fillo.
No seu discurso a ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, enxalzou o prestixio actual que caracteriza á Armada Española e o sinal histórico que deixou.
Na súa intervención, María Dolores Cospedal referiuse á Escola de Gardamarinas como "el primer semillero de talento" e subliñou que "el prestigio actual de nuestra Armada tiene mucho que ver con la impronta de excelencia académica de aquella escuela, de cuya estirpe es digna heredera esta Escuela Naval de Marín".
A ministra agradeceu a asistencia de Felipe VI acompañado polo seu pai o rei emérito, para presidir un acto nesta escola, "escenario de vuestra formación, al igual que la de vuestro padre, como caballeros gardamarinas".
Finalmente Cospedal pediulle "a la patrona de la Armada, nuestra Señora del Carmen que cuide y guarde a todos los miembros de la Armada" e especialmente, "a todas las damas y caballeros alumnos de la Escuela Naval Militar".
O acto contou coa asistencia da presidenta do Congreso dos Deputados Ana Pastor; o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno Santiago Villanueva; a alcaldesa de Marín María Ramallo, entre outras autoridades civís e militares.
PARADA NAVAL
Os actos de conmemoración do 300 aniversario da Real Compañía de gardamarinas comezaron cunha parada naval na Ría de Pontevedra, onde o Rey Felipe VI recibiu as honras de ordenanza con saúdo á voz dos buques participantes, o 'Juan Carlos I', o buque de aprovisionamento de combate 'Patiño', as fragatas 'Santa María', 'Reina Sofía', 'Álvaro de Bazán', 'Almirante Juan de Borbón' e 'Méndez Núñez', o buque de acción marítima 'Tornado' e o submarino 'Tramontana'.
O monarca estivo acompañado durante a revista naval a bordo do 'Tornado' polo seu pai o rei emérito, pola ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, e polo Almirante Xefe de Estado Maior da Armada (Ajema), almirante xeral Teodoro López Calderón.
O programa de actos continuou cunha demostración na dársena da Escola Naval por parte dun helicóptero SH-60 Lamps da 10ª Escuadrilla da Flotilla de Aeronaves da Armada.
HOMENAXE E RECORDO
A continuación desenvolveuse o acto central na chaira da escola que comezou coas honras regulamentarias ao rey e a revista ao Batallón de Cabaleiros Alumnos. Tras a oración de acción de grazas do arcebispo castrense, na que fixo unha mención especial aos gardamarinas falecidos en acto de servizo, e a Salve mariñeira, celebrouse o acto de homenaxe aos que deron a súa vida por España que finalizou cunha pasada de avións Harrier.
Despois das intervencións da ministra e do Ajema, a Banda de Música da Escola Naval interpretou o himno da Armada e finalizou o acto co tradicional desfile do batallón de alumnos e un desfile aéreo da Flotilla de Aeronaves da Armada, no que participaron avións Harrier de despegamento vertical e helicópteros AB-212, Hughes 500 e Sea King.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Felipe VI preside a entrega de Reais Despachos na Escola Naval de Marín
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A corporación de Sanxenxo cea co rei emérito para celebrar a súa onomástica
Por Oskar Viéitez |
-
Un selo para homenaxear os gardamariñas
Por Redacción |
-
O Elcano sempre é benvido en Marín
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Felipe VI, Cospedal e, probablemente, Juan Carlos I visitarán a Escola Naval o 2 de xuño
Por Redacción |