Malestar entre os comuneiros ao denegar a Xunta as axudas para previr incendios
Por Alejandro Espiño
O verán preséntase "moi duro" nos montes de Pontevedra. É o vaticinio que realiza Diana Rodríguez, presidenta dos comuneiros de Tomeza, que este venres verbalizou o malestar que existe entre as trece comunidades de montes de Pontevedra, ao comprobar que a Xunta de Galicia está a denegarlles as axudas para a prevención de incendios.
Varias destas comunidades xa recibiron a comunicación formar de Medio Rural na que se rexeita a solicitude presentada por "falta de fondos". Trátase de axudas que se solicitaron, entre outras cuestións, para realizar tarefas de roza, abrir cortalumes no monte ou construír depósitos de auga aos que recorrer en caso de incendios.
Unha destas comunidades, que solicitara unha subvención para silvicultura e prevención de incendios, é do Salgueiral (Bora), na que unha boa parte do monte quedou arrasada polo lume o verán pasado.
Esta axuda debería servir para que os comuneiros recuperasen parte do investimento realizado no monte e poder rexeneralo, porque cando ardeu "tíñano precioso e moi coidado", lembra Ángeles Ríos, vicepresidenta da mancomunidade de montes de Pontevedra, "e o perderon case todo" nun incendio que, ademais, iniciouse en Cotobade.
"A situación do monte é a que é", engadiu Diana Rodríguez, que denunciou que os investimentos da administración autonómica en materia de prevención de incendios "son escasas" e, no caso da mancomunidade pontevedresa, "é cero".
Os comuneiros reclaman que a Xunta debe adaptar a lexislación "á realidade do monte galego", ao entender que moitos dos criterios cos que se priorizan as axudas "son imposibles de cumprir" para gran parte das comunidades de montes.
RESPOSTA DA XUNTA
Desde Medio Rural aseguran que o goberno galego fai un esforzo "importante" para financiar as actuacións de prevención de incendios en montes comunais e, neste 2017, incrementaron nun 14% o orzamento destinado a esta partida, ata os 4 millóns de euros.
En todo caso, a consellería aclara que ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia competitiva "é normal" que algunha solicitude quede sen atender, unha vez esgotado o crédito orzamentario correspondente.
Ademais, a Xunta lembra que os montes comunais teñen a obrigación, por lei, de reinvestir na xestión do seu monte, entre outras cousas en medidas de prevención, o 40% do total dos seus ingresos, "independentemente da súa natureza".
A estas comunidades, engaden, correspóndelles xestionar os montes "dos que son titulares", colaborando unicamente a Xunta a través dunha liña "específica" de subvencións.