A Deputación e as Mulleres Rurais colaborarán para visibilizar o emprendemento feminino
Por Oskar Viéitez
A loita contra a violencia de xénero e a posta en valor dos traballos de emprendemento realizados por mulleres do rural son os obxectivos nos que traballarán conxuntamente a Deputación de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur).
A presidenta da administración provincial, Carmela Silva, e a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, asinaron este xoves un convenio de colaboración por importe de 10.000 euros para a realización dun proxecto de visibilización das mulleres do rural. A asociación agrupa en Galicia a 54 entidades de mulleres rurais e en Pontevedra a 31 entidades entre colaboradoras e asociadas, co cal teñen presenza en practicamente en toda a provincia.
Rosa Arcos indicou que non hai estatísticas que permitan saber haise máis ou menos violencia no medio rural "pero si que existe unha violencia rural distinta provocada pola propia contorna, pola presión social, pola convivencia familiar e porque son núcleos moito máis endogámicos", o que fai necesario o desenvolvemento de mecanismos diferentes para detectar os casos de violencia de xénero no rural e para loitar contra esta secuela.
Carmela Silva entende que "é fundamental que as administracións poñan recursos a disposición deste tipo de asociacións" xa que, ao seu xuízo, "o rural non ten futuro sen as mulleres". Neste sentido a presidenta da Deputación expresou a súa satisfacción por traballar con Fademur xa que "é unha da asociación máis potentes coas que contamos e que mellor defende ás mulleres do rural".
O proxecto está dirixido a mulleres traballadoras ou paradas que viven no medio rural, que figuran como colaboradoras nas explotacións agrarias, ás produtoras de alimentos e ás artesás cuxo traballo se quere visibilizar xa que "ás veces é complicado dar a coñecer eses proxectos e poñerlle cara", indicou Arcos e defendeu que "as mulleres son unha parte importantísima da actividade económica do medio rural".
O programa tamén inclúe iniciativas sobre a lei de titularidade compartida, que persegue promover a titularidade compartida das explotacións agrarias como un vehículo para alcanzar a equiparación entre mulleres e homes no sector, pero á que poucas explotacións acolléronse ata a data "porque a norma aínda non está ben desenvolvida e porque hai moita desinformación".
Tamén se realizarán outras actuacións dirixidas a proporcionar formación e información en emprendemento e autoemprego, visibilización dos produtos agroalimentarios e artesanais e ofrecer estratexias para o uso das novas tecnoloxías nas canles de comercialización dos produtos no rural.