A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción
O xuízo contra 13 acusados de tentar introducir nas costas galegas un alixo de 3.500 quilos de cocaína que acabaron fondeados e coa planadora que os transportaba ardendo na praia da Lanzada retomouse este xoves na Audiencia Provincial de Pontevedra. Pola sala de vistas pasaron, na sexta sesión do xuízo, testemuñas, axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira, gardas civís, policías nacionais e persoas vencelladas cun barco que a rede de narcos xulgada tentou utilizar sen éxito para un transporte de droga.
Un das testemuñas craves da xornada foi o propietario do barco Pedro Xibano. O fiscal do caso, Pablo Varela, sostén que a organización tivo un primeiro intento de desembarco da droga procedente de Sudamérica que se frustrou ao negarse a última hora o dono dun pesqueiro que se encargaría de fornecer de combustible en alta mar á planadora que levaría a droga. Ese home pasou pola sala e explicou que chegaron a darlle como adianto 30.000 euros por alugarlle o barco seis meses e, cando el rompeu relacións, déronlle unha malleira para recuperar o diñeiro.
O home explicou que negociou con dous dos acusados que sentan no banco, Vicente Piñeiro e Jose Luís Martínez, que lle pediron alugar o seu barco, aínda que non sabía para que o usarían. Recoñece que "intuía" que pretendían dedicalo ao tráfico de droga, pero "no lo sabía" seguro. Mantivo con eles varias reunións e nalgunha delas tamén estivo Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido polo sobrenome de Mulo e presunto xefe de toda a organización e da operación de tráfico de drogas.
Este home decidiu romper as negociacións, segundo asegura, cando quixeron meter gasolina no seu buque, pero xa cobrara un adianto de 30.000 euros, de modo que tres persoas foron a buscalo e déronlle unha malleira no medio dun monte. Non sabe concretar quen son esas persoas, pero si que entre elas estaba José Luis Martínez.
A sesión deste xoves centrouse de forma especial na persoa de Fernando Bugallo, un dos cinco acusados que rexeitan calquera relación coa descarga -o resto admite, con matices, a súa participación-. A pesar de que o nega todo, pola sala pasaron dúas testemuñas que o implicaron xa na fase de instrucción e agora outra vez a pesar de que intentaron desdecirse. Un deles foi un home ao que supostamente tentou 'fichar' como home de palla e o outro, un veciño de Cambados que supostamente lle viu manipulando un semirremolque nunha das dúas naves que presuntamente utilizaba a rede para preparar as lanchas que usaban nas operacións, neste caso, en Castrelo.
Unha das cuestións rechamantes da xornada sacouna a relucir un home que traballaba como vixiante no barco que se cargou con bidóns de combustible para logo fornecer en alta mar á planadora. Segundo explicou, cheirou a gasolina, pero non viu como a cargaban. Non estaba no barco nese momento porque unha das persoas encargada de cargar os bidóns deulle 50 euros "para que me fuese a tomar un café" xusto nese momento.
Pola sala desfilaron unha decena de investigadores que participaron en distintos momentos da operación de Vixilancia Aduaneira, a Garda Civil e a Policía Nacional. Ratificáronse nos seus seguimentos, escoitas telefónicas e informes varios, nos que implicaron á práctica totalidade dos acusados.
Os acusados enfróntanse a penas de 17 e 15 anos de prisión, que sumadas ascenden a 214 anos, cunha responsabilidade civil que se sitúan en preto de 23 millóns de euros. O xuízo aínda non terminou e o vindeiro mércores 21 de xuño terá a súa sétima sesión na Sección Segunda da Audiencia.
Relacionadas:
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |