Pomovil en novembro e Ferpalia en decembro, plans da Cámara de Comercio
Por Redacción
O futuro de Pomovil e Ferpalia, dous das principais feiras que organiza desde hai anos a Cámara de Comercio de Pontevedra, podería clarificarse moi pronto. A institución cameral ten intención de resolver a próxima semana a adxudicación destes dous eventos, os únicos que contempla o seu calendario feiral para este ano, tras renunciar de novo á celebración da pasarela Pontus Veteris.
Pomovil será, a diferenza doutros anos, a primeira en celebrarse. As dúas modalidades do Salón del Automóvil de Pontevedra, terán lugar no Recinto Feiral o próximo mes de novembro. Como vén sendo habitual, o salón organizará primeiro a modalidade do coche novo e, na semana seguinte, a proposta do coche usado e de ocasión.
Iso si, a crise afectará á súa organización. Segundo explica o presidente da Cámara de Comercio, Antonio Gómez Rivera, na organización deste evento "teremos que ter moi en conta a delicada situación económica que vive o sector e facilitarlles ao máximo a súa presenza na feira", pero sen que iso, insiste, "supoña rebaixar o máis mínimo a calidade e o prestixio de Pomovil".
Con respecto a Ferpalia, que se celebraba tradicionalmente durante o mes de outubro, a Cámara de Comercio está convencida de que poderá organizar o Salón de Turismo de Galicia durante a primeira semana de decembro. Garante ademais que será "un certamen moi digno, que satisfaga plenamente os intereses das empresas e institucións participantes".
Trala perda da Bolsa de Contratación, o auténtico motor económico de Ferpalia, e que este ano se celebrará baixo os auspicios da Deputación de Pontevedra, a institución cameral asegura que Ferpalia contará cunha edición "máis popular e próxima", pero que xustificará, din, "a confianza que o Concello volveu a depositar en nós".
Relacionadas:
-
A presentación mundial do Volkswagen Golf 7, principal atractivo da XV edición de Pomóvil
Por Alejandro Espiño |
-
Deputación asumiu Bolcotur "facendo o que debía facer"
Por Oskar Viéitez |
-
A Cámara recrimina á Deputación que "tendrá que explicar" a falta de apoio a Ferpalia
Por Natalia Puga |
-
Ferpalia en "panos menores" ao perder a Bolsa de Contratación
Por Oskar Viéitez |
-
Ferpalia e Pomóvil sortean a crise e manteranse no calendario feiral de Pontevedra no 2012
Por Redacción |