O PSOE pide que o pleno para elixir a Martín alcalde se traslade de sede para dar cabida aos veciños
Por Redacción
O PSOE de Sanxenxo quere que as escenas vividas no pleno deste luns no que se oficializou a renuncia de Gonzalo Pita como alcalde non se repitan. No salón de plenos da casa consistorial había unha 60 persoa como público, pero outras 200 quedaron fóra e os socialistas cren que o vivido ás portas do edificio "foi un espectáculo bochornoso", de modo que piden un cambio de localización para a sesión plenaria na que Sanxenxo estreará alcalde.
O pleno extraordinario no que será eligido novo rexedor Telmo Martín tras o pacto de goberno asinado entre o PP e SAL está previsto para este mércores 31 de maio ás 20.00 horas e o PSOE pediu por rexistro que se celebre no auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, con capacidade para 300 persoas.
A portavoz socialista, Coral González-Haba Pérez, presentou este martes no rexistro municipal a petición criticando que "en todos os plenos entra moitísima máis xente", para evitar que suceda o do luns e partindo da base de que "os plenos teñen que ser abertos a todos os veciños".
Consideran que a actualidade política de Sanxenxo suscitou moito interese veciñal e que, desta forma, o aforamento será maior e máis veciños poderán presenciar a sesión plenaria sen ter que quedar na porta aporreando a porta como ocorreu este luns nin esperando aos políticos para apupalos.