Os partidarios a Pedro Sánchez copan a lista provincial para o congreso federal do PSOE
Por Redacción
O Partido Socialista da Provincia de Pontevedra visibilizou a súa división no congreso provincial celebrado este domingo no Pazo da Cultura da cidade de Lérez.
Os afíns a Pedro Sánchez, vencedor nas recentes primarias á secretaría xeral do partido, fixéronse cos 16 postos de delegados que representarán á provincia no próximo Congreso Federal.
Gonzalo Caballero encabeza a lista de delegados, seguido por Maica Larriba, o alcalde de Vilagarcía Alberto Varela, Marta Freire e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Iso en canto aos cinco primeiros postos, completando a representación Digna Rodríguez, Nicolás González, Verónica Tourón, Eduardo Reguera, María Pérez Martínez, Jorge Luís María López, Rosa María Otero Carballo, Raimundo Calviño, Violeta Lois, José Vence e Juliana Dios Barreiro.
Foi a única lista presentada a votación, contando cun amplo respaldo de 116 votos a favor e 27 en branco. Con todo ao coñecer os nomes da lista con Gonzalo Caballero en primeira posición, preto de 70 delegados abandonaron o congreso para evitar votar, alegando falta de "consenso e unidade" na lista proposta.
Os ausentes correspóndense ao sector que apoiou a Susana Díaz nas primarias e que decidiron non presentar candidatura tras fracasar a proposta de elaborar unha lista que reflectise o resultado das votacións na provincia.
O congreso provincial do PSOE estivo presidido polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e as concelleiras de Vilagarcía, Sonia Outón, e de Salceda, Verónica Tourón.