Montero Ríos convértese nunha pista deportiva en favor da inclusión
Por Diego Espiño
Por segundo ano consecutivo a céntrica Avenida Montero Ríos converteuse nun escaparate do deporte adaptado grazas á xornada multideportiva adaptada organizada pola Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Pontevedra, Amizade.
Baloncesto, tiro con arco, tenis de mesa ou bádminton foron algunhas das modalidades que o prúblico asistente, con ou sen discapacidade, puideron practicar durante gran parte da mañá deste sábado.
Esta xornada organizada por Amizade busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da inclusión social para as persoas que sofren algún tipo de discapacidade e mostrar as dificultades coas que se atopan no seu día a día, ademais de tentar visibilizar a necesidade de normalizar a vida deste colectivo.
Amizade contou coa colaboración da Fundación También, especialista no fomento de valores educativos en actividades deportivas adaptadas e que foi a encargada de desprazar ata Pontevedra unha unidade móbil de deportes adaptados.