O espazo libre do Banco de España é para o PP "mejor opción" que o local dos Ferreiros
O Partido Popular insiste. A compra por parte do Concello dun local na rúa dos Ferreiros supoñerá "tirar" dous millóns de euros "sin justificación". Os populares reiteran que sería mellor opción alugar as dúas plantas libres do edificio do antigo Banco de España, ata que a administración municipal poida centralizar as súas dependencias nun único inmoble.
Para explicar a súa proposta, o PP organizou unha visita a estas instalacións, contiguas ao edificio que ocupa actualmente o Concello en Michelena 30.
Trátase dun espazo duns 1.100 metros cadrados, un tamaño similar ao do local dos Ferreiros, repartidos entre a terceira e a cuarta planta do edificio. Son unhas oficinas que, segundo destacou Jacobo Moreira, "ya están acondicionadas y disponibles para usar ya".
O líder do PP de Pontevedra estivo acompañado nesta visita polos representantes sindicais da xunta de persoal do Concello. Todos eles foron guiados neste percorrido por directivos de SEGIPSA, a sociedade estatal que xestiona este edificio, Ángel Montero e Carlos Bailly-Baillère.
Tras comprobar o estado do inmoble, Moreira insistiu en que "seguimos sin entender el repentino interés" do goberno municipal por un baixo "que en ningún momento va a solucionar los problemas de dispersión existentes" e que, nun futuro, "implicará una carga".
Para o portavoz popular, o "más preocupante" é que considera que o Concello "ni siquiera se molestó lo más mínimo en tratar de buscar alternativas", polo que pediu que explique "este interés tan profundo" polo local que vai adquirir, propiedade de Afundación.
Estas dúas plantas son as únicas libres no antigo Banco de España, onde se sitúan as oficinas de expedición do DNI (soto), o servizo de Estranxeiría (primeira planta), a delegación do Ministerio de Agricultura e Pesca (segunda planta) e a unidade de telecomunicacións (quinta planta).
O espazo dispoñible ía ser habilitado para acoller o Servizo Provincial de Costas, actualmente na rúa San Xosé, pero este organismo gobernamental descartou o traslado polo alto custo que supoñería de aluguer, especialmente, ao ocupar actualmente un piso da súa propiedade.
Segundo puido saber PontevedraViva, SEGIPSA oferta estas dúas plantas a un prezo que oscila entre 8 e 10 euros o metro cadrado, polo que tendo en conta o espazo dispoñible supoñería un aluguer mensual entre os 8.800 e os 11.000 euros. Iso si, este prezo sería en todo caso negociable, segundo as fontes consultadas.
O Concello chegou a preguntar hai anos por estas oficinas e tamén desbotaron alugalas polo seu prezo.
Relacionadas:
-
A nova sede municipal dos Ferreiros estará operativa a mediados de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O local dos Ferreiros xa é de propiedade municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira esixe ao goberno municipal deter a compra do local de Ferreiros
Por Redacción |
-
O PP propón que se constrúa un edificio na rúa da Barca para acoller as oficinas municipais
Por Anxo Lourido |
-
Xa non hai volta atrás. O Concello comprará por 1,1 millóns o local de Ferreiros
Por Redacción |
-
Ao PP resúltalle "sorprendente" que o BNG non consultara cos sindicatos a compra do local
Por Redacción |
-
Moreira buscará o apoio dos funcionarios para frear a compra do novo local municipal
Por Alejandro Espiño |
-
A unión entre BNG e Marea permite aprobar a renda social básica e a compra do local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |